Medio centenar de mozos de varios países do mundo inician en Ourense a súa peregrinación a Santiago

La Voz

OURENSE CIDADE

Participan nun programa da Xunta que une a mozos galegos con fillos de emigrantes que naceron e residen no exterior

21 jul 2017 . Actualizado ás 23:03 h.

A praza Maior de Ourense foi o punto de arranque ao camiño de peregrinación a Santiago que esta manaña iniciaron 57 mozos participantes no programa Conecta Galicia da Xunta. O grupo estaba integrado por participantes galegos e outros nados e residentes en distintos países, especialmente nos latinoamericanos, e que son fillos ou netos de emigrantes. Este programa pretende precisamente ser para estes últimos unha fórmula de achegamento ao país dos seus devanceiros que coñecen xa polas historias escoitadas nas súas casas e que agora poden cotejar coa visión da Galicia actual a través da convivencia con mozos e mozas galegos en campamentos que duran varias semanas e que se reparten por todo o territorio da comunidade autónoma, segundo lembrou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que acudiu a saudalos á consistorial ourensá. Os que hoxe iniciaron esa ruta de peregrinación a Santiago tiveron como base do seu campamento a residencia universitaria Florentino Cuevillas. O alcalde, Jesús Vázquez, que recibiu minutos antes de que iniciasen o camiño aos participantes no salón de plenos onde puideron coñecer un pouco da historia da cidade, invitou a Xunta a seguir tendo a Ourense como sede desta iniciativa. Os mozos tamén foron saudados polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o subdelegado do goberno, Roberto Castro, ademais de por o secretario xeral de Emigración , Antonio Rodríguez Miranda.