«Pensei que non volvería tocar nunca»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

cedida

O pasado mes de decembro, tras un concerto en Madrid, a man de Daniel Minimalia quedou paralizada. Tras meses de rehabilitación está preparado para regresar con «Orixe»

19 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O músico ourensán Daniel Minimalia presentou o pasado mes de decembro na sala Galileo de Madrid o seu terceiro disco, Orixe. Nada facía presaxiar o que ocorreu tres días despois. Catro anos dunha carreira ascendente paráronse en seco. Agora, xa recuperado, retoma a xira.

-Cunha concisa mensaxe nas súas redes sociais anunciou fai un ano que tiña que parar. Que ocorreu?

-O decembro presentei Orixe na sala Galileo de Madrid. Foi un concerto marabilloso. Tres días despois atopeime mal, paralizóuseme a parte esquerda do corpo. Foi pola tensión, o estrés acumulado. Levaba un ano con demasiadas cousas na cabeza, talvez coa parte máis desagradable da música.

-Como foi a súa recuperación?

-Tiven que comezar de novo. Non podía mover a man esquerda. A nivel físico e psicolóxico foi duro porque non podía tocar a guitarra. Pensei que non volvería tocar nunca, que todo se podía ir ao garete. Ía todos os días a rehabilitación para poder mover a man, xa que os dedos non me respondían. Quería movelos para un lado e íanse para outro. Foi duro, sobre todo a nivel psicolóxico, porque tocar a guitarra é o meu xeito de comunicarme co mundo.

-Houbo algo positivo en todo este proceso?

-O lado positivo deste parón forzoso foi que volvo ter a mesma ilusión que cando empezaba. Levaba catro anos e medio practicamente sen pensar noutra cousa. E isto serviume para aprender, valorar as cousas e pólas no seu sitio. A verdade é que teño moitas ganas de volver aos escenarios. Recibín moito cariño de xente que sei que me está agardando.

-Fálenos da xira que xa prepara.

-A partir de setembro volvo empezar os concertos e a promoción de Orixe . Fareino en Oviedo, Valencia, Madrid Pontevedra e en Ourense. Aquí estarei o 28 de outubro, no auditorio. En novembro estarei en Las Vegas e Los Ángeles. Teño que tocar en todos os sitios polos que pasei co anterior disco e facer un pouquiño máis. Está no ADN dos músicos: ir máis aló, cun par de narices, e seguir crecendo.

-Como será o espectáculo?

-A base dos concertos que farei será a mesma de sempre: coidar moito os directos, gústame levar a músicos de calidade. Pero neste reenganche de xira inclúo, ademais, unha parte máis audiovisual e de luces. Ofrezo un pouco máis de espectáculo.

-Por que?

-É un paso natural cando empezas a ter máis base de seguidores e cada vez es máis coñecido. Tes máis capacidade e a obrigación de ofrecer algo máis á xente. Que o que pague a entrada diga que mereceu a pena. En Ourense hai máis de dous anos que non toco. A xente que foi verme co anterior disco no auditorio e nas festas atopará algo diferente. En canto ao repertorio, repasarei o último disco pero tamén temas dos anteriores como Ondas do sur ou O vals do trapecista, temas que sei que significan moito para a xente.

-Poder regresar a Estados Unidos a tocar é todo un reto.

-A nivel persoal non é tan importante. Tocar en Ourense, en calquera sitio onde a xente se emocione, é igual de gratificante. A nivel profesional é diferente. Dáche prestixio e recoñecemento.

-Máis cando pode presumir dun premio nos Hollywood Music Media Awards.

-Cando che dan un premio nos Estados Unidos é importante. Sobes o caché pero tes proles e contras. Cando empezaba non tiña nada que perder e ía tirando. Era outro xeito de traballar. Agora hai máis presión.

-Este verán toca prepararse para o regreso.

-Estarei entre Madrid e Ourense, xa que traballo con moitos músicos diferentes. Nos concertos de Galicia actúo con xente de Ourense e para os de Madrid e Valencia, con artistas da capital. De todas as maneiras terei tempo para poder volver a casa, descansar un pouco e estar e gozar coa familia e cos amigos.