Arrincan as obras do recinto da Alameda ao que irán os placeiros

Marta Vázquez Fernández
m. vázquez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Eva Sarmiento

A semana pasada xa se retiraron todos os bancos do paseo central e onte a empresa colocou a súa primeira caseta

11 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras meses de dilacións e con algúns enfados por parte dos afectados, comezan por fin as obras de construción do recinto provisional ao que se trasladarán os comerciantes da praza de Abastos número 1 de Ourense durante o tempo que duren as obras de reforma do edificio.

Onte mesmo a empresa que se encargará de executar eses traballos tras gañar o concurso público, Petrolam Emergis Alameda, colocou xa a súa primeira oficina de obras e prevese que o desembarco de materiais continúe durante toda a semana. Así, as previsións son que o venres pola tarde a zona na que se colocará a nova infraestrutura, o paseo central da Alameda, quede xa totalmente valada, para que ao longo das próximas semanas comecen propiamente os traballos do recinto que durante meses se converterá nun mercado de abastos.

 Xa non hai bancos

De feito, a semana pasada xa se moveron algúns farois da zona afectada e retiráronse os bancos dese paseo, un lugar moi transitado por nenos e maiores que durante un tempo cambiará de aspecto e de usos. Tamén operarios da Concellaría de Medio Ambiente realizaron algúns retoques nalgunhas árbores para despexar todo o recinto. Así mesmo, moveuse a escultura de Luis Borrajo.

Onte mesmo a concelleira de Comercio de Concello de Ourense, Flora Moure, recoñecía que o inicio destes traballos sufriu algúns atrasos ao longo dos últimos meses, aínda que aseguraba que foron xustificados. «Nesta obra hai moitas partes implicadas e tratouse de que o traslado satisfaga a todos os placeiros», explicaba a edila, confiando en que «esta semana xa se empezo a evidenciar o inicio dos traballos».

As obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, foron adxudicadas o pasado ano por un importe de 659.934 euros. O que se construirá entre os meses de xullo e outubro será unha plataforma provisional que acollerá aos placeiros durante case dous anos, o tempo que, segundo estímase, durarán os traballos de rehabilitación do emblemático edificio, que leva moito tempo agardando por unha reforma. Se os prazos prometidos cúmprense, é lóxico pensar que o traslado dos placeiros podería estar xa completado antes de que remate deste ano. A reforma integral do edificio da praza de abastos suporá un investimento de 3,6 millóns de euros, que en gran medida se financia con cargo ao 1,5 % cultural. No último pleno municipal rexeitouse unha moción de Democracia Ourensá para arranxar a zona do rianxo aludindo, precisamente, a inicio desa rehabilitación.