O alcalde ourensán agarda dar unha «pronta solución» ás obras das Lagoas

r. n. p. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Álvaro Vaqueiro

Os veciños piden na Subdelegación do Goberno que se adopten na zona medidas de seguridade «inaprazables»

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As posicións sobre a paralización das obras dunha urbanización no barrio das Lagoas seguen distantes. Os veciños manteñen moi activa a reivindicación. Despois de encher de pancartas a contorna da residencia universitaria e a fachada das obras na avenida Otero Pedrayo, onte presentaron por rexistro un escrito na Subdelegación do Goberno para que o alcalde se «tome en serio dunha vez por todas» as súas reivindicacións. No escrito piden que se adopten medidas de seguridade «inaprazables» e que se continúen as obras de inmediato.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, valorou onte as queixas dos veciños das Lagoas e da parroquia da Asunción. O rexedor popular considera que os afectados non coñecen en detalle como se atopa o procedemento e asegurou que dúas das tres fases de obras que están pendentes de executar poderían estar xa en marcha. «Con quen temos que traballar e coa xunta de compensación para dar unha pronta solución. Non vou a dicir máis», sinalou Jesús Vázquez, a preguntas dos xornalistas durante unha visita a unha infraestrutura escolar.

O alcalde de Ourense tamén quixo facer balance sobre os pasos dados para desbloquear este proxecto, que obrigou ao peche da residencia universitaria: «Había un conflito enorme. Se aperturou a residencia e agora hai pendente unha terceira fase que implica un aparcadoiro previsto desde hai xa tempo e cunha serie de consecuencias». En clave política, o rexedor popular tampouco desaproveitou a oportunidade para apuntar ao anterior goberno socialista: «Temos que resolver unha vez máis un problema de antes. Intentaremos facelo de boas maneiras e con boa vontade coa xunta de compensación».

Outra visión

A iniciativa privada que se atopa implicada neste proxecto sostén que a súa vontade é a de executar os traballos canto antes e sinala que se desde o Concello de Ourense danse os pasos oportunos estarían en condicións de retomar as obras ao longo do mes de xullo. «A paralización da urbanización é única e exclusivamente imputable ao Concello. Fai máis de sete meses que temos pendente de resolver un expediente para a concesión de accesos a esta rúa, sinalou un portavoz.