O Elvis negro de Ourense

Isaac Pedrouzo ISTO NON É OREGÓN

OURENSE CIDADE

27 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é nada sinxelo escoller unha profesión na vida. Se es baixiño nunca poderás xogar ao baloncesto, se desafinas non poderás ser cantante de ópera e se sabes varios idiomas xamais chegarás a presidente do goberno.

Talvez é por iso que a maioría das veces son os traballos os que nos elixen a nós.

De neno soñaba con ser veterinario e, agora, o único animal que teño preto no meu traballo é o mono que sae na etiqueta do anís. Só coñezo a unha persoa que si escolleu o seu oficio: o Elvis negro de Ourense. Elvis, do que ninguén lembra o seu verdadeiro nome, formaba parte dunha banda de punk local que algún xenio incomprendido bautizou como os Bragas Sucias -nome insuperable se ao punk nos referimos- quen, desde un balcón xusto en fronte do colexio Maristas, tocaban a duras penas a súa hit-single Cancro de cona captando a atención xuvenil e transgresora dos estudantes de ben. Un éxito moderado que a policía local matou e encerrou tras o segundo refrán. A fama rueira nun minuto e medio. Alí Elvis facía de corista. Ser corista non é nada sinxelo. Un non ten un instrumento tras o que esconderse e ha de xogarllo todo ao look e aos pasos de baile arriscándose a ser o centro de atención ou a descubrir que en realidade ninguén reparou na túa presenza, o teu vestiario ou o teu xeito de mover as cadeiras. Talvez foi por iso que a el non lle chegaba -nin enchía- iso de ser o corista negro nun grupo de punk, moito menos nos 80 onde o diñeiro xa saía antes de entrar, e decidiu empezar un novo oficio: demandante de atropelos. Todo lle foi ben durante unha época. A rúa Xeral Franco e Paseo eran un filón. A zona dos viños aínda non era estritamente peonil e case todo o mundo que formase parte dese invento que se chama clase media podía manter un coche sen que iso supuxese un gran sacrificio. Así, tirándose con coidado e sendo precavido coa caída, a rúa e o tipo de vehículo, podería vivir sen apuro co diñeiro da indemnización dun atropelo cada quince días e seguir dedicándolle tempo á súa verdadeira paixón, a de inventar novos bailes, usar novos panos de cores, gozar da soidade do fondo do escenario.

A cidade, aos poucos, foi madurando de xeito natural. A zona vella e a rúa Paseo convertéronse en peonís, a xente descubriu que podía vivir camiñando e o punk pasouse de moda unha mañá en que todo o mundo se espertou e xa ninguén levaba crista nin cadeas atadas nos pantalóns vaqueiros. Os anos 90 xa ameazaban con chegar.

A Elvis acabáronselle os seus dous traballos, un por culpa da civilización, o outro porque aínda ninguén conseguiu esa fórmula do interminable e imperecedero, e nunca se lle volveu a ver collendo carrerilla cara a algún paso de peóns de dubidosa visibilidade. Así mo contaron.

Os Bragas Sucias chegaron a tocar na 2, talvez Elvis decidiu que ese era o seu verdadeiro teito. Máis aló da M-30.