Condenado por pedir a unha amiga da súa exnovia unhas bragas para ir ver a unha bruxa

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

O xuíz fixa traballos comunitarios por coaccións leves, ao estimar que non se probaron outras actuacións

27 may 2017 . Actualizado ás 09:16 h.

Benito P. J., no seu afán por recuperar unha relación de parella, chegou a pedir a unha amiga da súa exnovia que lle conseguise algunha peza de roupa interior co fin de levala a unha bruxa. Foi en setembro do 2013. A idea era, de acordo coas explicacións ofrecidas polo implicado á intermediaria, que a feiticeira puidese facer algo e así renovar a relación que se viu afectada porque, segundo dicía, a muller estaba posuída. Agora foi condenado a corenta días de traballos en beneficio da comunidade, como autor dun delito de coaccións leves, posto que, de acordo cunha sentenza do Xulgado do Penal 2 de Ourense, non se puideron probar outros episodios.

Mantiña a acusación, tanto pública como particular, exercida pola vítima, que o acusado enviara notas manuscritas e mensaxes de correo electrónico, á parte de ter feito distintas chamadas telefónicas, con posterioridade á ruptura da relación no verán do 2013. O xuíz, con todo, non tivo proba suficiente diso. E aínda admitindo que quizais a prexudicada non dese inicial importancia a esas mensaxes, puidese requirir ás compañas telefónicas a listaxe de chamadas, ou achegado algún dos múltiples correos que di ter recibido.

A declaración dunha testemuña de referencia, que dixo ter visto notas de contido intimidatorio, é insuficiente. Serve esa amiga da vítima, con todo, para soster o episodio das bragas, pois foi testemuña directa.

Flores e acoso

A sentenza constata, ademais, que o acusado se presentou en varias ocasións no domicilio da acosada, a quen seguiu nalgún dos seus desprazamentos. Mesmo acudiu a Madrid para facelo, cando ela vivía alí. Que o envío dunhas flores tivese ese mesmo carácter intimidatorio tampouco quedou claro, ao non estar probada a data en que se produciu, se foi posterior á ruptura definitiva de relacións.

A condena inclúe unha orde de afastamento de douscentos metros durante un período dun ano. Non poderá tampouco comunicar con ela por medio algún.