O campus manexa máis de tres millóns de euros en proxectos de investigación

Marta Vázquez Fernández
marta vázquez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

cedida

Tres iniciativas ourensás lograron 1,3 millóns de euros nunha convocatoria europea

23 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A convocatoria europea Poctep acaba de seleccionar tres proxectos desenvolvidos por grupos de investigación do campus de Ourense na súa última convocatoria, á que concorrían 132 iniciativas procedentes de diversas universidades galegas e portuguesas. Trátase dun programa que promove a cooperación transfronteiriza que, en total, financiará con tres millóns dez proxectos da Universidade de Vigo. A concesión destes fondos supón un empurre o traballo científico que se desenvolve na institución e que, no campus de Ourense, integra a moitos investigadores.

Só na facultade de Ciencias, a que máis proxectos deste tipo mobiliza, hai actualmente 25 proxectos en vigor, por un importe total de 2.305.473 euros. Trátase de iniciativas cuxa duración adoita ser de tres anos polo que, en media, supoñen uns 800.000 euros anuais. A esa cantidade súmanse agora os fondos logrados na nova convocatoria europea, que achegarán outros 1,3 millóns para tres programas. Dous deles están coordinados polo catedrático ourensán Ramón Gómez Gesteira, do grupo Ephyslab. A primeira delas é MarRisk, cun orzamento total de 636.000 euros dos que 477.000 corresponden á convocatoria. «A iniciativa pretende asegurar un crecemento intelixente e sostible das zonas litorais de Galicia e norte de Portugal mediante unha avaliación dos riscos costeiros máis importantes nun escenario de cambio climático», explica Gómez Gesteira, que advirte que «inundacións, intensificación de eventos extremos, episodios de algas tóxicas, ou erosión costeira son algúns exemplos dos riscos a analizar co fin de mellorar a resiliencia dos sectores económicos tradicionais e doutros sectores emerxentes como as enerxías renovables mariñas». Na iniciativa participan Meteogalicia, que é beneficiario principal, así como o Instituto Español de Oceanografía e o CSIC. Ademais, colaboran entidades portuguesas. «Preténdese deseñar unha serie de ferramentas e servizos que axuden a unha xestión sostible do litoral nun escenario de cambio climático», avanza o científico. O outro proxecto que coordina denomínase Risc ML, que logrou 449.000 euros de financiamento, nun orzamento total de 599.000. «O obxectivo da investigación é a prevención de riscos de inundacións e secas na conca internacional do Miño-Limia», asegura o catedrático, que lembra que «nos últimos anos habemos tido na provincia tantas alertas de seca como fenómenos de inundacións. Isto é unha consecuencia máis do cambio climático, onde, a pesar de que o valor medio de choivas non se modificou demasiado, os fenómenos extremos fixéronse cada vez máis frecuentes». Por ese motivo, perséguese «deseñar medidas orientadas á prevención e unha mellor xestión da conca internacional do Miño-Lima para mitigar tanto os efectos das inundacións como para predicir con maior fiabilidade o risco de seca». «Trátase de ter unha maior capacidade de resposta no territorio fronte a estes fenómenos adversos», afirma o experto.

 Alimentación

Iberphenol, outro proxecto con selo ourensán, atópase tamén entre os seleccionados polo programa Poctep, que lle concedeu 277.000 euros, sobre un total de 369.000. O catedrático Jesús Simal, do centro de investigacións agroalimentarias e alimentarias, CIA, é coordinador do traballo, no que participan outros oito grupos. «A iniciativa ten como obxectivo establecer unha rede de investigación temática sobre polifenoles, promovendo varios eixos de actuación, como fomentar a integración das capacidades de investigación e desenvolvemento nesta área, favorecer a formación e mobilidade de investigadores entre centros académicos e empresas e o desenvolvemento de proxectos colaborativos de I+D (implicando a centros de investigación e empresas), co obxecto de producir resultados explotables principalmente aplicados á industria agroalimentaria e á saúde e cosmética», asegura Simal. A idea xurdiu «a partir da liña de investigación de mellora da calidade sensorial e funcional de alimentos», co interese de «desenvolver a proposta dunha inxesta diaria recomendada para compostos fenólicos, xerando información que conduza a reclamos funcionais con validez científica, e garantindo a seguridade dos suplementos no mercado».

O proxecto que máis diñeiro logrou dentro da convocatoria foi Nanoeater, unha iniciativa que impulsa a propia Universidade de Vigo, centrado na transferencia e valorización da nanotecnoloxía a pemes innovadoras da eurorrexión. O traballo, que ten un custo total de 740.000 euros, logrou 550.000 e concentra a varios grupos, entre os que hai dous de Ourense. Un deles é, tamén, o de Jesús Simal. O seu papel consiste en pór en valor as oliveiras centenarias que existen no territorio galego. «Sería de gran interese coñecer se se trata de novas variedades e, de ser así, avaliar as súas aptitudes comerciais como árbore ornamental ou para a produción de olivas de mesa ou de aceite de calidade diferente». Tamén participa o grupo de óptica física que coordina outro catedrático, Humberto Michinel. «Unha das principais limitacións para incrementar aínda máis a eficiencia enerxética dos sistemas  LED é a baixa capacidade de extracción de luz desde o interior do chip. Neste proxecto propomos para  resolver este problema o uso de nano-partículas ópticamente activas sobre a superficie do chip», afirma Michinel.