Ourense agarda ter redactado o seu Plan de Infancia este verán

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Desenvolveuse unha nova reunión de traballou con técnicos de diversas áreas para avanzar nos obxectivos do proxecto

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O traballo iniciado hai un ano polo Concello de Ourense para deseñar un Plan de Infancia e Adolescencia que permitise mellorar na protección dos dereitos dos menores e nos servizos para cubrir as súas principais demandas avanzaba onte un novo banzo coa reunión de técnicos de diversas áreas municipais para concretar os obxectivos.

Técnicos dependentes das concellarías de Asuntos Sociais, Educación, Voluntariado, Mocidade, Sanidade, Cultura, Urbanismo, Igualdade, Participación Cidadá, Deportes, Medio Ambiente, Infraestruturas, Transporte e Policía Local desenvolveron onte unha nova reunión de traballo para ir pondo en común e concretando as liñas que definirán as sete áreas estratéxicas sobre as que se asentará a redacción dun plan que podería estar lista antes do verán, segundo apuntaba onte Bibiana Paz, da concellaría de Asuntos Sociais.

Para ultimalo é esencial a análise de toda a información solicitada polos cuestionarios repartidos en centros escolares e entidades que traballan coa infancia. O obxectivo deste material é analizar a súa percepción de como é o municipio no momento actual e como lles gustaría que fose desde esa perspectiva de protección á infancia e a adolescencia á que o Concello de Ourense se vinculou formalmente tras asinar con Unicef un convenio que lle recoñece como aliado dentro do programa Cidades Amigas da Infancia deste colectivo internacional. Na última semana os responsables do plan tamén tiveron ocasión de coñecer a información sobre o modelo de cidade recollida por alumnos do IES Blanco Amor e cuxas conclusións serán entregadas aos responsables políticos nunha reunión que se desenvolverán no salón de plenos.

Pero a reunión de onte tamén serviu para seguir avanzando na coordinación dos distintos servizos municipais que teñen algo que dicir na atención e asistencia ao os menores «e que todos coñezamos e saibamos o que hai no resto de áreas», sinala Bibiana Paz.