Facíanse pasar por comerciais de Fenosa, pedían esmola e roubaban correo

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Unha alerta veciñal permitiu á policía interceptalos e devolver o correo nos edificios veciños onde o subtraeron

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha alerta á Policía Local permitiu identificar e denunciar a dúas persoas de 81 e 31 anos, veciños de Santiago e Ourense, que foron localizados nunha vivenda da rúa Eulogio Gómez Franqueira con correo de veciños doutros edificios lindeiros. Os dous homes accederan aos edificios facéndose pasar por comerciais de Fenosa, cando en realidade, segundo di a Policía Local, «tal e como eles mesmos manifestan, dedicábanse a pedir dádivas entre os veciños».

Ao levar correo retirado das caixas de correos doutros edificios próximos, os axentes que interviñeron optaron por quitarllo e restituílo nos inmobles veciños. Desde a Policía Local de Ourense, ao dar conta desta intervención, lémbrase a conveniencia de non abrir os portais, nin tampouco as portas das vivendas, a persoas que resulten sospeitosas ou non acrediten as súas intencións. Ademais recomendan alertar á policía.