Detida unha empregada de fogar por furtos de xoias en dous domicilios da capital

La Voz OURENSE

OURENSE CIDADE

A revisión de actividade en establecementos de compravenda de ouro permitiu acreditar sesenta vendas da mesma persoa durante dous anos

26 abr 2017 . Actualizado ás 14:21 h.

Unha muller de 53 anos, natural de Ourense e cunha detención anterior foi relacionada con distintos furtos cometidos en dúas vivendas da capital onde prestaba servizo como empregada de fogar. A policía detívoa formalmente, aínda que quedou en liberdade tras prestar declaración na comisaría das Lagoas. Atribúenselle delitos de furto e estafa.

A intervención policial produciuse por mor da denuncia que o pasado 5 de marzo presentou unha muller, que dicía botar en falta xoias en casa dos seus pais, un brazalete de ouro groso gravado cunha flor, un reloxo de ouro de señora e outro de cabaleiro, un anel de ouro e unha escrava grosa de ouro de cabaleiro. Ese mesmo día, outro cidadán denunciou a subtracción no seu domicilio dunha medalla de ouro. Indicaba este home que se daba a circunstancia, segundo aclara a policía nunha nota, «de que a limpadora que prestaba servizos no seu domicilio, é a mesma que a que traballaba no domicilio dun coñecido onde tamén notaran a faltar as xoias familiares»

O posterior control policial de establecementos que compran metais preciosos permitiu localizar sesenta vendas de xoias realizadas pola detida durante un prazo de dous anos. No caso da primeira vítima, empezou a traballar nese domicilio en setembro de 2016 e desde esa data suma 51 operacións de venda de xoias, a última delas o pasado 21 de febreiro. Só se puideron recuperar catro pezas, que aínda estaban nas tendas de compravendas de metais preciosos e xoias, preferiblemente ouro.