David Mozo: «Aquí perdes o medo»

Maite Rodríguez Vázquez
Maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

CEDIDA

David Mozo foise ás illas británicas a aprender inglés e a avanzar na súa carreira

06 feb 2017 . Actualizado ás 08:03 h.

David Mozo é un máis dos miles de españois que buscaron fortuna en Londres. No seu caso, non porque estivese sen emprego ou cun traballo mal pago, pero non era feliz. Traballaba en oficinas bancarias, con horario de oito a tres, un bo soldo e as fins de semana libres, pero quería algo máis e decidiu emprender a súa segunda aventura consecutiva nas illas británicas. A primeira transcorrera en Irlanda, onde se foi aprender inglés despois de rematar a carreira de Administración e Dirección de Empresas que cursou en Madrid.

Aquela primeira vez custoulle irse e conseguir defenderse co idioma. O seu primeiro traballo, lembra, foi limpando cuartos nun hotel de luxo. Pero pagábanlle ben e puido viaxar a Budapest, Berlín ou Italia, con voos baratos e durmindo en aeroportos. Por aquel entón pensaba en volverse a España e para iso aforraba. «A miña mentalidade era de volver a Galicia, considérome moi de aí, teño morriña, pero agora estou moi a gusto aquí», explica. O poder cursar un MBA dunha entidade financeira galega e a chamada materna eran outros motivos para querer volver, pero David Mozo decidiu quedar en Irlanda ata cumprir o ano de estancia.

Cando volveu a Galicia, fixo o máster que buscaba e estaba a piques de conseguir un posto de traballo no sector en Ourense, pero quería mellorar o seu inglés en Inglaterra. Aínda hoxe, despois de sete anos entre anglosaxóns, recoñece que ás veces sofre «malentendidos» pola lingua. E é que, a pesar de estar en contacto con ingleses, David Mozo admite que fai a súa vida con españois. «Un bo amigo inglés non tiven», resume. A primeira parada foi Oxford, onde residía a súa noiva de entón. Foi camareiro nun bar español e traballou nunha tenda dunha multinacional española como xefe de caixeiros. O seu obxectivo era introducirse no departamento financeiro, para o que necesitaba sentirse seguro co inglés. Logo pasou aos recursos humanos dunha firma italiana de luxo, formando parte do seu equipo contable durante tres anos. Para acelerar a súa carreira, buscouse unha titulación de contabilidade de xestión e estratéxica, para poder dar o salto aos ámbitos onde se toman decisións nas empresas. E é que David Mozo recoñece que a experiencia nas illas, cun mercado laboral moito máis desenvolvido, permitiulle cambiar de mentalidade. «A diferenza no traballo é brutal. Aquí perdes o medo. Hai moitas oportunidades e a xente móvese moito. É moi enriquecedor. Se es bo traballador e xogas ben as túas cartas, eles danse conta e non queren perderche», valora o ourensán.

A idea de volver a Galicia segue aí. Coa intención de montar un negocio. «Pero véxoo difícil, hai barreiras e impedimentos. Se traballo para terceiros, tería que ter a sorte de caer nunha empresa europeizada», advirte o expatriado. Xa non soportaría o de facer miles de horas para quentar o asento». Quere a flexibilidade e o trato profesional que viviu en Inglaterra.

De Oxford mudouse a Londres, unha cidade difícil se non se posúe un poder adquisitivo moi alto. Tiveron que vivir nun cuarto. Do sector da moda pasou ao tecnolóxico, a unha plataforma de contacto entre compradores e vendedores. Foi un traballo esixente, que lle permitiu acadar o seguinte nivel: unha empresa de comparadores de prezos online de mudanzas e de primas de seguros. É unha start up na que traballa nun frío estudo no Soho, pero Mozo cre que ten moito potencial e nela conseguiu a meta de facer contabilidade de xestión.