Ourense despedirá o ano á carreira na contorna do Parque Barbaña

La Voz

OURENSE CIDADE

CEDIDA

O Club Deportivo Aurum organizará a primeira edición dunha nova proba popular de San Silvestre na capital

16 dic 2016 . Actualizado ás 19:10 h.

O Club Deportivo Aurum, coa colaboración do Consello Municipal de Deportes e coa autorización da Federación Galega de Atletismo, organizará a primeira edición da San Silvestre Ourensá, o próximo 31 de decembro, na contorna do Parque Barbaña. Será unha nova manifestación atlética que nace co afán de canalizar a crecente afección ao running que existe que na cidade e que tamén terá unha cita significativa nunha data tan significativa como a do último día do ano.

A proba reunirá a atletas federados e populares, posto que se incluirá no calendario oficial federativo, con clasificacións en todas as categorías desde os Pitufos, ata os veteranos. Comezarán os máis pequenos desde as 16.30 horas, para realizar o percorrido máis curto, de só 80 metros; mentres que a proba absoluta partirá ás 17.00 horas, para facer fronte a un trazado de 7.050 metros, cos Xuvenís, Júniores, Promesas, Séniores e Veteranos en liza.

As inscricións están abertas ata as 20.30 horas do próximo 27 de decembro e só poderán realizarse a través da web www.carreirasgalegas.com cun custo de 5 euros para os que participen na carreira longa, mentres  que en  o resto das saídas, será gratuíta. De modo voluntario, cada participante ten a opción de facer unha doazón “Dorsal Cero” de 2 euros que irá destinada a Cruz Vermella Ourense.

A recollida de dorsais e chips terá lugar na tenda Turini da rúa Cardenal Quevedo o próximo 30 de decembro, entre as 16.30 e as 20.30 horas, recibindo todos os corredores unha bolsa de cotillón.