«Fai falta que a xente de aquí aposte por comprar carne de calidade»

La Voz

OS BLANCOS

Iván Gil ten unha explotación gandeira en Covelas, nos Blancos

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Iván Gil é un mozo gandeiro de Covelas, nos Blancos. A finais de 2014 decidiu pór en marcha unha explotación de vacún autóctono de raza limiá. Hoxe ten un total de 90 reses no monte. Asegura que o gran problema dos produtores de vacún galego en risco de extinción é a comercialización. «Fai falta que a xente de aquí aposte por comprar carne de calidade tamén de aquí. Iso de momento, non sucede», di. Este produtor apunta: «Moita xente non se mentaliza de que esa gran calidade deste produto hai que pagala. É un pouco máis cara que a normal. A demanda desta carne non é moi abundante nesta terra». Gil lamenta que «noutras rexións de España, como Cantabria ou Asturias, si que se vende en todas as carnicerías, pero aquí son casos contados».

O gandeiro critica os múltiples requisitos e esixencias da administración para producir este tipo de produto. «Míranche con lupa todo antes de darche unha axuda», sinala. Con todo, Gil mira o futuro con optimismo. «Imos tirando. As reses, ás veces con dificultades, vanse vendendo», conclúe Gil.