Catro das mellores notas en selectividade: «É importante entender todo en clase»

La Voz OURENSE / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

Alvaro Vaqueiro

Nadia, Paula, Carla e Sergio son alumnos dun instituto do Barco

23 jun 2017 . Actualizado ás 12:54 h.

Teñen unhas das notas máis altas de Galicia nas probas da nova selectividade e son do instituto Lauro Olmo do Barco (Ourense). Nadia Fernández, con 13,87, quere facer Medicina e para conseguilo intentou non deixar nada á sorte: «Cando estás en clase é importante entender todo o que poidas da explicación e se xorde algunha dúbida, aclarala no momento». E aínda que os vaivéns co temario durante este curso foron continuos, adaptáronse ás circunstancias. «Os profesores daban a clase segundo o que crían, non segundo o que sabían», conta.

Sergio Rodríguez, cun 13,6, dúbida entre Matemáticas ou Enxeñería Aeroespacial, pero ten claro que será algo relacionado cos números. Tanto el como Nadia reforzaron o seu inglés con clases fose do instituto e recoñecen que lles veu ben porque o exame de ABAU non esixe tantos coñecementos teóricos como saber expresarse. «De gramática só hai unha pregunta e son dous puntos, o resto é redactar e comprender».

Paula Rodríguez sacou un 13,54 e organizouse cun horario no que ía anotando o que consideraba importante repasar. «En dúas semanas, se non estudaches durante o curso, non podes facer milagres», explica a estudante que foi polo bacharelato de Humanidades e que quere facer o dobre grao de Xornalismo e Relacións Internacionais en Madrid. Mentres non chega o momento de pisar a universidade, vai practicando cun blogue de moda (paurzo.blogspot.com) que ela mesma xestiona. E Xornalismo é o que quere estudar Carla Mendes tamén, aínda que ela se decanta máis pola dobre titulación en Santiago de Xornalismo e Comunicación Audiovisual. «Eu son menos escrupulosa que eles estudando, gústame moito saír e unha vez que me sinto a estudar, ben, pero cústame pórme», puntualiza unha estudante cuxa nota final foi de 12,42.

O 11 de xullo comunicaranlles se están admitidos.