Moitos turistas secundan as xornadas das Rutas do Viño

La Voz OURENSE / LA VOZ

MONTERREI

Participantes en las jornadas de puertas abiertas de la Ruta do Viño de Valdeorras
Participantes nas xornadas de portas abertas da Ruta do Viño de Valdeorras LOLITA VÁZQUEZ

Nava Castro destaca o potencial do turismo enológico para pór en valor as paisaxes e os recursos patrimoniais

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As Rutas do Viño de Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra celebran esta fin de semana as súas xornadas de portas abertas, nas que as adegas ofertan visitas guiadas e degustacións de viño gratis. E ademais cun bus para ir dunha a outra. Inclúe ademais de cata, unha explicación do territorio e compleméntase con música, exposicións e festas. Con todo ese programa, a resposta foi máis que positiva e no día de onte o ambiente nas tres denominacións de orixe era destacable.

No caso de Valdeorras, as visitas comezaban con cheo xa ás once da mañá. E a previsión era manter o nivel o resto do día. E o mesmo ocorreu en Ribeira Sacra e Monterrei. Nesta última púidose ver á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou o papel do turismo enológico na posta en valor da paisaxe e os recursos patrimoniais. Asegurou que este tipo de turismo está a converterse nun dos principais reclamos dos territorios con Ruta do Viño, xa que a través dos viños «outorga unha experiencia orixinal ao englobar unha infinidade de posibilidades para todos os gustos».

Seguen hoxe

As xornadas de portas abertas nas Rutas do Viño de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras continúan hoxe con visitas guiadas ás adegas que comezarán ás doce da mañá, que inclúen unha cata comentada. Participar é gratis.