Os restos da calzada medieval achados no castelo de Monterrei datan do século XV

s. martínez

MONTERREI

SINDO MARTÍNEZ

A falta do informe definitivo dos arqueólogos da Xunta, varios expertos confirmaron esta estimación.

02 feb 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Os restos de calzada antiga descuberta tras unha decena de catas arqueolóxicas no castelo de Monterrei son tramos do Camiño Real do século XV que transcorre desde Verín ata a fortaleza ao longo duns dous quilómetros. A falta do informe definitivo dos arqueólogos da Xunta, que garda silencio de momento sobre o achado, varios expertos confirmaron esta datación. A claridade das estruturas sacadas á luz nas catas arqueolóxicas acometidas durante as semanas pasadas non deixa lugar a dúbidas. Nalgúns tramos, máis de dez metros da calzada son visibles.

Os tramos visualizados do camiño atópanse en perfecto estado, xa que hai 65 anos cubriuse cunha capa de zahorra compactada que a cubriu pero non a danou. Na última cata efectuada é visible o tránsito dese camiño medieval.

A calzada está formada por sillares de pedra e chega ata as inmediacións do Pazo do Conde, a zona fortificada do castelo na que hoxe se sitúa o parador de Monterrei.

Un dos promotores do recurso contencioso presentado na Audiencia Nacional contra a cesión de uso do Estado á Xunta para construír un hotel, Eduardo Castro, comentou que «a calzada foi tapada en 1951. Eu de pequeno paseei por ela».

Este achado podería levar a un cambio parcial no proxecto de reforma e mellora do acceso e de renovación de canalizacións de auga e telefonía en todo o conxunto monumental, adxudicadas por 320.000 pola Axencia Galega de Turismo a finais do pasado ano. Ese proxecto tiña un prazo de execución inicial de tres meses. As catas arqueolóxicas xa foron supervisadas pola Dirección Xeral de Patrimonio. A falta da avaliación definitiva sobre a transcendencia definitiva do atopado, os traballos de reforma do acceso aínda non se iniciaron.

Reabre o parador

O parador de Turismo reabrirá pasadomañá as súas portas. Tras a volta á actividade hostaleira, a tempada de apertura do establecemento prolongarase ata o 10 de decembro.

Para este xoves, de feito, quedaban (onte) xa poucos cuartos libres, a un prezo a estancia dobre de 157 euros polo aloxamento e almorzo.

Os accesos ao parador, tras as catas arqueolóxicas están en mal estado e apenas hai espazo para que pase un vehículo polo camiño.