Manzaneda recupera a Festa do Porco Celta na ponte de decembro

La Voz O Barco

MANZANEDA

La Festa do Porco Celta se celebra desde hace siete años.
A Festa do Porco Celta celébrase desde fai sete anos. fina ulloa< / span>

A asociación organizadora das xornadas gastronómicas cambiou a data por coincidir con moitas citas en xaneiro

28 oct 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A asociación porco celta de Manzaneda xa ten data para as xornadas de exaltación do porco autóctono. Serán na ponte de decembro, despois de entender que era a mellor data despois de ter decidido aprazar a celebración -habitual en xaneiro ou febreiro desde a súa creación fai sete anos- por coincidir con demasiadas citas festivas na mesma zona nesa época do ano (como o chourizo de Trives ou o entroido). Así que despois de anunciar que a cita se cambiaría a final de ano, xa se sabe cando será. Os días 5 e 6 de decembro os dous restaurantes do centro urbano de Manzaneda acollerán as comidas co porco celta como protagonista.

Ademais, no polideportivo celebrarase unha nova edición da mostra de artesanía, na que ademais de poder comprar obxectos realizados por creadores en madeira, liño, tea ou outros materiais, haberá tamén demostracións en vivo. Non faltará tampouco o concurso de cociña.

A Festa do Porco Celta será o punto central do programa cultural de Manzaneda para este último trimestre do ano, pero non o único. O luns haberá unha xornada micolóxica con saída ao monte, elaboración e degustación en colaboración coa asociación Os Cogordos. Será a partir das once da mañá, no colexio.

O día 8 ás 14.00 horas, no Palomar terá lugar o magosto, organizado pola asociación A Trabe. E os días 21 e 22 de novembro volve o festival A Rebusca de outono. O escenario será a nave do Toural e o programa comezará o venres con Coanhadeira, Sonoro Maxín, Os Rastreros e DJZen. O sábado pola tarde no local da Rebusca tocarán Cé Orquestra Pantasma e Blues do País; mentres que xa na nave, pola noite, terá lugar os concertos dos Cuchufellos, Os Tres Trebóns, Daquidarriba, Spin Che Cu e Brigada A.M.

Xa para o inicio do 2016, a programación cultural de Manzaneda pasará polo entroido, que arrincará o día 9 de xaneiro e prolongarase durante todo un mes. Precisamente o 9 de febreiro será o día grande dunha festa que conta co selo de Festa de Interese Turístico de Galicia. Haberá foliadas en varios pobos, e o martes de entroido será o desfile polas rúas do centro urbano desde o colexio.