Dezasete miniguarderías abrirán antes de final de ano no rural

María Cobas Vázquez
m. cobas O Barco / LA VOZ

CORTEGADA

Santi M. Amil

O proxecto de cásalas niño da Xunta arrinca de forma experimental tres anos

24 oct 2016 . Actualizado ás 17:02 h.

Dezasete concellos rurais terán antes de final de ano un servizo de miniguardería, que ofrecerá aos pais de nenos menores de 3 anos dispor dun lugar no que deixar aos pequenos durante un máximo de 8 horas diarias. O horario será diferente en cada caso, xa que se marcará en función das necesidades dos proxenitores. É o proxecto de casas niño da Xunta, que subvenciona a reforma das instalacións e tamén o custo do servizo. Trátase dunha experiencia piloto de tres anos de vixencia.

Cada casa niño poderá dar servizo a un máximo de 5 nenos, e é preciso que haxa polo menos tres menores inscritos para poder abrila. O prazo está en marcha. Os 17 elixidos para xestionar as casas teñen dous meses para realizar as reformas necesarias nos locais -xa tiveron que presentar proxectos, que foron aprobados pola Xunta- e dotalos de mobiliario. Estarán en Amoeiro (na antiga escola de Parada), Baños de Molgas, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle (en Laias), Cortegada, Entrimo (nun local particular na Terrachá), A Gudiña, Leiro, Lobios (na antiga casa do médico), Manzaneda, Maside, Monterrei, Piñor, Porqueira (nun local municipal) e A Veiga.

Os emprendedores tamén tiveron que presentar unha unidade didáctica explicando as actividades que realizarán cos menores.