«A liberación da muller, a revolución do século XX, fíxose a través da moda»

CELANOVA

CESAR TOIMIL

O escritor presenta no seu Celanova natal un libro no que analiza por que a moda converteuse na «oitava arte»

09 jun 2017 . Actualizado ás 18:31 h.

José María Paz Gago presenta hoxe na súa Celanova natal A oitava arte. A moda na sociedade contemporánea (Hércules de Edicións, 2016). É a vigesimoquinta publicación deste poeta, profesor de Literatura Comparada na Universidade da Coruña, coa que está a obter un importante éxito e repercusión no ámbito nacional e tamén internacional. A presentación será esta tarde (20.00 horas) na Casa dous Poetas de Celanova.

-É a moda unha arte soa na sociedade contemporánea ou xa o foi ao longo da historia anterior?

-No libro una das cousas que digo é que a moda nace coa Revolución Francesa. É a finais do XVIII cando os revolucionarios acaban coas leis suntuarias, que fixaban como debía vestirse cada un. Unha non podía vestirse como María Antonieta senón como o hacán nos seus gremios ou estamentos. Ata o século XIX non había liberdade para vestirse. Nas cortes vestíase con elegancia, pero non era moda. A moda é un fenómeno contemporáneo. Como arte xorde no século XIX, cando en Francia aparecen os primeiros grandes modistos, como Worth, un inglés que é o primeiro que se considera un artista.

-Como arte debe inspirar sentimentos ou pensamentos ou pode quedar no superficial, o estético?

-O estético non ten porque ser superficial. A moda hai que pensala, está cargada de mensaxes revolucionarias, non é tan frívola. A liberación da muller -a gran revolución do século XX- fíxose a través da moda. Nos anos sesenta decidiu mostrar o seu corpo, se quería, coa minisaia ou o bikini. Foi unha revolución social; en 1890, un decreto da República Francesa condenaba a prisión á muller que usase pantalóns. A liberación é algo de onte e non está consumada. A moda ten unha dimensión estética, como a literatura, pero pode ter grandes valores sociais. Antes deste libro, publiquei no Brasil Moda & Seduçãou. A moda é arte porque nos seduce. Vestímonos dunha determinada forma para agradar, non só nun sentido sexual. Cando se vai a unha entrevista de traballo trátase de gustar á persoa de recursos humanos ou se vas ver a avoa quítasche os piercing.No libro hei historiado os grandes vestidos na historia da moda, como o Lily que fixo Worth, que levaba a condesa máis elegante e que inspiraría o personaxe de Proust de En busca do tempo perdido; consérvase no Museo Galliera de París. Ou os vestidos Mondrian de Yves Saint Laurent, baseados na abstracción xeométrica, e varios de Schiaparelli, vestidos surrealistas feitos con Dalí.

-Que deseñadores actuais son os máis artistas?

-Acaba de falecer David Delfín. Rendémoslle homenaxe co Premio Nacional de moda 2016. Eu estaba nese xurado e propúxeno xunto con Adolfo Domínguez. David Delfín era moi rompedor e tiña unha gran forza revolucionaria. O seu desfile de modelos encadeadas volve verse nas pasarelas. Dos actuais, o máximo artista é Christian Lacroix. Dos anteriores, Christian Dior, Balenciaga, que é insuperable, Yves Saint Laurent ou Givenchy.De nomes novos, destacaría á galega María Barros, galega, coas súas creacións con volumes que parecen escultura en tea.

-Que tal vístese nas cidades galegas?

-Na Coruña vístese moi ben e en Ourense, tamén. Son dous capitais da moda. Cadeas como Inditex reflicten na rúa o que sae nas grandes pasarelas. A oitava arte ten o seu reflexo na rúa. En Ourense hai un gran polo de creación industrial, con Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Bimba e Lola ou Carolina Herrera.

-A moda é arte pero tamén negocio?

-Todas as artes son un negocio. O cine é a sétima arte é unha industria e un negocio. Chámolle a oitava arte á moda. Lancei esa expresión, que agardo que teña éxito. Por outras artes, como a pintura ou a arquitectura, tamén se paga moito diñeiro.

-Que percorrido está tendo o libro?

-Agora (onte), de camiño a feira de libro de Madrid. Está a ter bo eco mediático, escribín 25 libros e nunca me chamaron de tantos sitios.

-Que relación ten con Celanova?

-Nacín en Celanova e vivín ata os catorce anos alí. Lévoo no sangue e de aí veñen os meus xenes letrados. Polo caño norte do pilón bebemos os celanovenses a tolemia e a inspiración.