«Quixen reflectir as tensións nas vilas durante a ditadura»

CELANOVA

MIGUEL VILLAR

O autor celanovés presenta hoxe a súa primeira novela, «Terradentro», que mestura intriga e lembranzas pasadas

16 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O escritor e enxeñeiro celanovés Xosé Benito Reza presenta hoxe en Celanova (Casa dos Poetas, 20.00 horas) a súa primeira novela, Terradentro (Xerais Narrativa).

-Que é «Terradentro»?

-É unha novela con tres casos, relacionados polos personaxes principais, que ten que resolver o avogado dunha vila.

-Unha vila que parece trasladarnos á Celanova de mediados do século pasado?

-O escenario é unha vila galega do interior que se parece moito a Celanova. Invento unhas historias que coloco nunha vila que se parece a Celanova, pero tamén a todas as vilas de antes, como eran Castro Caldelas, Ribadavia, que nos anos 50, cando eu nacín, estaban cheas de vida e eran centros neurálxicos de actividade, dinamismo e cuartos. Por desgraza desapareceron ou foron en picado, ao quedaren as aldeas sen xente. Recreo o escenario que coñecín de neno e o que me comentaban meus pais e os vellos. Nun conto meto os montes da fronteira, cun tesouro que deixaron os mouros e hai outro caso estrambótico, do can do alcalde que aparece pintado.

-Pesa máis a intriga ou a descrición costumista?

-É unha mestura, da intriga de tres casos que causan desacougo, un asasinato, e nos que o avogado vese inmerso. Non é unha novela costumista, pero quixen reflectir como era a vida desas vilas, coas tensións e silenzos que houbo na ditadura.