Localizan a un octoxenario que se perdeu nun monte de Bande

La Voz OURENSE

BANDE

cedida

O home saíu a pasear pola tarde e desorientouse

23 oct 2016 . Actualizado ás 22:19 h.

Ás once da noite do sábado foi atopado con síntomas de hipotermia un veciño de Bande que se perdeu horas antes.

O home, de 81 anos, saíu pola tarde da súa casa en Santa Comba para dar un paseo. Víronlle polo pobo, e sobre as cinco da tarde comentoulle á súa muller que ía a un monte próximo a buscar castañas. Pero a noite caeu e o home non regresaba. Familiares e veciños comezaron a buscarlle, pero non foron capaces de dar co home, así que ao fío das 21.40 horas deron aviso aos servizos de urxencia.

O 112 mobilizou á Garda Civil de Lobios, o GES de Muíños e Protección Civil de Bande. A preocupación aumentaba a medida que pasaban as horas e as condicións meteorolóxicas empeoraban, con fortes refachos de choiva e vento. Mala situación para pasar a noite á intemperie.

Tras falar cos familiares e a contorna do desaparecido, establecéronse dúas posibles zonas do monte ás que podería dirixirse. Pasadas as once da noite, o dispositivo de procura atopaba ao home a uns tres metros dun carreiro nos montes de Santa Comba. Estaba a algo máis de quilómetro e medio da súa casa, nunha zona con forte pendente á que se accede tras cruzar a estrada OU-540. Localizárono porque o octoxenario respondeu os berros que lle chamaban. «Se non chega a responder non ou teríamos atopado, porque cando é de noite buscas non camiño, e o estaba fóra do camiño», explican desde o GES de Muíños. O octoxenario estaba visiblemente nervioso, e non puido evitar emocionarse cando viu que lle rescataban. Estaba completamente empapado. Crese que se desorientou á noitiña, e a choiva non axudou a que se animase a seguir camiñando, así que elixiu unha zona de bosque para buscar acubillo. Aínda así, non evitou que a choiva lle calase a roupa.

Unha patrulla da Garda Civil levouno en coche ata o seu domicilio. Alí recolleuno unha ambulancia de urxencias, que se encargou de trasladalo ata o hospital de Ourense para que lle fixesen un recoñecemento médico. Estivera horas baixo a choiva e estaba completamente empapado. Ademais, o home está delicado de saúde. Hai uns días tivo que ser evacuado en helicóptero tras sufrir un accidente cardíaco do que aínda se recuperaba. Facía pouco que estaba de volta en casa.