«Gustaríame que o sector das adegas participase máis en Aeva»

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O Barco / LA VOZ

A Rúa

LOLITA VÁZQUEZ

A nova líder empresarial quere implicar á sociedade na promoción da comarca

28 may 2017 . Actualizado ás 17:35 h.

Araceli Fernández é desde o pasado xoves a nova presidenta de Aeva. É tamén a xerente de Godeval e moitos aínda a coñecen por ser a filla de Horacio Fernández Presas, o impulsor da recuperación da uva godello en Valdeorras e con quen traballou de xeito conxunto na adega. Con eses antecedentes familiares, sempre tivo claro que quería dedicarse á planificación rural e ao viño, así que estudou enxeñería agrónoma e un máster en viticultura. Traballou en Madrid, Cartaxena e África, «nun proxecto de recuperación da pementa en Sao Tomei». Despois chamárona de Godeval e non llo pensou. «Para min foi unha satisfacción volver e facer algo que me gusta moito», sinala. Ao principio decidiu centrarse na adega. «Era novo para min, era unha época de moitos cambios e necesitaba organizar a miña cabeza. Agora xa hai un equipo rodado e podo coordinalo», di, en referencia ao seu novo cargo como presidenta da asociación de empresarios.

-Non houbo candidatos e desde Aeva pensaron en vostede. Que valorou para aceptar?

-Traballei con moita xente, e o traballo en equipo sempre me deu moitísimas satisfaccións e no momento en que me intentaron convencer de que aceptase, unha das cousas que máis me atraeu era que ía coñecer moito máis a comarca do que a coñezo e ía volver a traballar en equipo, porque Aeva ten un equipo que se ha ir formando con todos os presidentes e funciona. Ademais, ao ver que estaba todo o mundo apoiándome, díxenme por que non?

-Que achega?

-Buff. Non sei. Creo que escoito bastante e se o que non sei. Gústame moito atopar a xente que se complementa. Que achego? De momento teño que demostralo, pero sobre todo teño ilusión, e gústame o traballo.

-Tócalle defender Valdeorras, e un dos problemas aos que sempre se alude é o das malas comunicacións, cunha N-120 en mal estado e unha A-76 que non acaba de chegar. Será o seu cabalo de batalla ou cre que hai outras necesidades?

-Os cabalos de batalla que levan moito tempo téñense que seguir, as cousas que se empezan hai que seguilas ata o final; pero seguro que ten que haber máis cousas. Sería moi interesante que a xente soubese que existimos. As empresas xa son unha representación pero temos o comercio, o enoturismo que empeza, hai que ver que posibilidades hai.

-Queda moito por facer para que se coñeza e a xente veña?

-Si. Unha das cousas que si me gustaría que a xente vise é que Valdeorras se vai coñecer máis se participan máis da súa terra. O feito de que a xente aquí arroupe e participe, que a xente se senta orgullosa de onde é, que conte o que é...

-Como adegueira, servirá o seu cargo para buscar sinerxías coa denominación de orixe, que parece que van por camiños diferentes a pesar de ter intereses comúns?

-Poderíanse facer cantidade de cousas, pero non só coa D.Ou., senón tamén coa Ruta do Viño, a de empresarios adegueiros, con calquera asociación.

-Algunha cousa que como socia vise que faltaba e que agora intentará como presidenta?

-Cando non estou metida non adoito ser moi crítica.

-E novas?

-Gustaríame que o sector das adegas participase máis en Aeva. Non hai moitas.

-Parece que non se consideran empresas, que se asocia empresa a construción.

-(Asente). As adegas non son empresas... (Ri). Son un ente dos sentidos. É máis, a xente mesmo cando vén a unha adega non entende que é unha actividade económica, coma se viñesen a casa e tivesen que invitarlles a un viño. A botella non custa soamente a uva, custa o traballo de moitísima xente, desde os meus compañeiros que van á viña polas mañás, que podan, que están a rezar para que non caia a xeada, toda a produción, o saír eu a vender... E despois está que todo o mundo parece que sabe vender viño e diche como facelo. E o traballo de vender veu non é doado.

«Quedar sen stock no mundo do viño é tremendo, porque perdes mercado»

Como adegueira, Araceli Fernández vive con preocupación as consecuencias da xeada, xa non só directamente nos viñedos, senón tamén de cara á próxima vendima e á colleita. Non haberá tanta uva como en anos anteriores, e iso pode acabar sendo un problema para as adegas amparadas pola denominación de orixe, que poden quedar sen viño para servir aos seus clientes.

-Que pasará tras as xeadas do mes pasado?

-A xente que vivimos da agricultura, é unha ruleta rusa. O das xeadas, ao final a decisión tena a administración; a xente está a demandar axudas. Non sei a solución que darán, pero a xente está a pedir. E, unha vez pasado isto, haberá que empezar a estudar sistemas de prevención de xeadas, que moitas veces non son efectivos... pero é o que hai. O que está claro é que estamos nun mundo moi tolo en canto a clima e temos que asegurar. Non hai outra saída, porque xa non depende de que ti fagas ben o teu traballo, senón de que veña un ano amolado como este, que haxa xeadas, que haxa saraiba... que aínda estamos a rezar que non veña unha tormenta de saraiba. O viticultor que vive diso, imaxínacho... E as adegas, se non tes viño, quedas fóra do mercado.

-Hai preocupación por non poder atender aos clientes?

-Si, si, claro. Ás veces é moito máis estresante non ter stock que telo. Unha das situacións que che dicían sempre era que quedar sen stock é terrible, é moito peor. Porque se tes stock creas ideas para vendelo, pero se non tes, non podes facer nada.. E hai tanta competencia que no momento en que ti non poidas servir, vai servir outro. E perdes cota de mercado e tes que volver empezar.