A Rúa de Valdeorras aprobará uns orzamentos próximos aos tres millóns de euros

María Cobas Vázquez
maría cobas O Barco / LA VOZ

A Rúa

Están a punto de cumplirse dos años de la investidura de María G. Albert
Están a piques de cumprirse dous anos da investidura de María G. Albert LOLITA VÁZQUEZ

O pleno do xoves será previsiblemente o último antes da renuncia da alcaldesa ao cargo

27 may 2017 . Actualizado ás 18:02 h.

O vindeiro xoves terá lugar o pleno de aprobación dos orzamentos na Rúa de Valdeorras. A maioría que suma o bipartito de BNG e PSOE garante que sairán adiante os plans do goberno que lidera María González Albert, que xestionará case tres millóns de euros este ano. A cifra é lixeiramente superior á do 2016, en parte porque aumenta a partida de ingresos do Imposto de Bens Inmobles. A tamén coñecida como contribución medrará uns 35.000 euros, segundo os cálculos iniciais do goberno.

«Temos moitas incorporacións novas ao catastro, primeiro coa revisión que fixemos nós mesmos; e agora coa do Ministerio, que entrará o mes que vén», explicaba Albert. Os datos sinalan que haberá unhas 900 altas, por construcións novas que non estaban a pagar ou por obras de ampliación que non foran declaradas ata agora. «Facemos un cálculo de 35.000 euros, moi por debaixo do que supostamente vai ser; pero é un cálculo realista», dicía a rexedora.

No apartado de gastos, a cifra será uns 98.000 euros inferior á de ingresos, para poder facer fronte á liquidación negativa do 2016. Crece nuns 15.000 euros (ata chegar aos 58.500) a partida para investimentos. «Aumenta os gastos para vías e obras, que pasan de 40.000 a 60.000 euros; e tamén crecen as partidas para medio ambiente; ao igual que a de servizos sociais, porque xa o ano pasado nos aumentaron as horas de axuda no fogar», explicaba a rexedora. Albert aseguraba que con esas contas «cumprimos a regra de gasto e logramos a estabilidade orzamentaria», optando a unha capacidade de financiamento de 300.000 euros. Ademais, destacaba que a débeda viva (a 31 de maio) estará por baixo do 75%. «É un avance que fixemos porque estaba no 94% cando entramos», dicía, para avanzar que a finais de ano agardan que a porcentaxe baixe ao 71%. «É moito, pero estamos en números aceptables», resaltaba.

O pleno do xoves será previsiblemente o último antes da renuncia de Albert como alcaldesa. No pacto do bipartito asinado tras as pasadas eleccións recollíase que pasados dous anos, a edila do BNG dimitiría do cargo para forzar unha reelección de alcalde na que sairá investido o socialista Luis Fernández Gudiña.