A DXT sinalizará as estradas ourensás máis usadas por ciclistas

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

A Peroxa

Santi M. Amil

Tráfico estuda se reduce a velocidade nos tramos máis frecuentados

09 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os accidentes graves con ciclistas como vítimas, varios deles mortais nos últimos meses, aumentaron a sensibilidade das autoridades de tráfico acerca da necesidade de protexer a este colectivo. O pasado mes de maio reuníase o Comité de Seguridade Viaria da Dirección Xeral de Tráfico para tratar esta problemática e nel acordouse unha maior vixilancia das vías máis frecuentadas por ciclistas e mellorar a sinalización destas estradas para advertir da presenza de ciclistas e mellorar a seguridade destes.

Para avanzar na intervención que se pode realizar nas estradas da provincia de Ourense máis utilizadas polos ciclistas, o director provincial de Tráfico, David Llorente, celebra hoxe e a próxima semana senllas reunións cos responsables do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galicia.

Por parte da DXT están dispostos a sinalizar as estradas de uso habitual dos ciclistas e mesmo se valorará a redución da velocidade máxima nalgunhas delas. Pero tamén se busca unha valoración conxunta por parte de todos os organismos implicados na seguridade viaria por se é necesario realizar algunha intervención nas infraestruturas que corresponda realizar aos titulares das estradas, explicou onte o director provincial da DXT. Neste sentido, o mantemento en bo estado das beiravías polos que transitan os ciclistas será un aspecto a ter en conta.

Na provincia de Ourense as estradas máis utilizadas polos ciclistas para circular habitualmente son a N-120 ata Os Peares, a OU-402 desde as termas de Ourense ata Ribadavia e a OU-536 ata o Alto do Couso, ademais de tramos da N-525 en Xinzo e Verín que se usan para desprazamentos cotiáns coa bicicleta como medio de transporte dos residentes nestas zonas chairas e non como práctica deportiva como no resto dos casos. A DXT estuda se incorporará a este plan a N-532 entre Verín e Feces, detallou David Llorente. O director provincial de Tráfico manifestou que valorarán se se limita a velocidade nas zonas con máis presenza de ciclistas. Descartou facer cambios neste sentido na OU-536 pois xa conta con tramos de velocidade baixa e onde xa se condiciona a unha circulación máis lenta pola presenza de varias rotondas.

Na reunión do comité nacional o mes pasado decidiuse como unha das medidas instalar paneis específicos de sinalización, con límites de velocidade máis baixos e advertindo da separación obrigatoria de 1,5 metros respecto dos ciclistas, obrigatorios en certos horarios e tramos, nas denominadas rutas ciclistas seguras. Había 56 destes tramos en todas as estradas de España e o comité decidiu crear 49 máis. No caso de Ourense valorarase se se necesita unha especificación tan concreta pois tampouco se observa un uso masivo da bicicleta durante as fins de semana.