«Foron días moi amargos»

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

A Merca

MIGUEL VILLAR

Xunqueira de Espadanedo e A Merca, onde acudiu unha compañeira de Miguel Ángel Blanco na corporación de Ermua, lembraron ao novo asasinado por ETA

14 jul 2017 . Actualizado ás 11:41 h.

«Foron días moi amargos e moi tristes. Foi algo que prefiro calar porque é que non podo falar». Son palabras de Ana Crespo a poucos metros da tumba de Miguel Ángel Blanco . A que por aquel entón era concelleira no Concello de Ermua entendeu ineludible a súa presenza no acto que onte tivo lugar en Faramontaos, a vila de A Merca no que descansan os restos do que foi o seu compañeiro de partido. «Foi o meu compañeiro e a miña man dereita. Por iso creo que era o meu deber vir», engadiu.

Crespo, que foi a persoa que afiliou ao mozo Miguel Ángel ao Partido Popular, considera necesario que se siga lembrando a memoria das vítimas para que non se esqueza o sucedido. «Temos que evitar, na medida en que poidamos REVISAR, que non se organice outra banda como a que tivemos. Hai que tratar que a xente nova que non o viviu aprenda do sucedido para que non volva ocorrer».

O tío da vítima por parte de nai, Aurelio Garrido, que reside no mesmo lugar no que se celebrou o acto, afirmou que por moito que pase o tempo, a ferida segue aberta. Emocionouse notablemente ao agradecer «a toda España ou ben que se portou con Miguel Ángel». Pensa que, polo menos, a súa morte serviu para o comezo da liberación do País Vasco. Aurelio cre, e repíteo cando ten oportunidade, que as vítimas que loitaron pola liberdade non deben deixarse no esquecemento.

Amigos, veciños e representantes políticos asistiron á ofrenda floral e a oración que tivo lugar ante a tumba do novo asasinado pola banda terrorista pouco despois das seis e media da tarde. Entre eles, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que invitou á familia a asistir ao acto de entrega da Medalla de Galicia que o Consello do goberno autonómico aprobou concedida a Miguel Ángel Blanco . Será o próximo 24 de xullo en Santiago de Compostela.

MIGUEL VILLAR

«Eu non pensei que fosen facelo, cría que era un farol de ETA e ao final asasinárono»

Na vila de orixe paterna do asasinado, Xunqueira de Espadanedo, tamén levou a cabo unha ofrenda floral, onte ao mediodía, á que acudiron familiares e amigos. As raíces ourensás, ás que sempre volvía o concelleiro, quixeron lembrar o seu papel no que supuxo o principio do fin de ETA, como moitos comentaron. Ao redor de medio centenar de persoas, entre os que se atopaban o presidente da deputación, José Manuel Baltar, e o alcalde da localidade, Carlos Gómez gardaron un minuto de silencio ao redor da estatua dedicada á súa memoria.

«Unha nova forma de indignación percorreu España. Naceu unha nova conciencia ante o terrorismo, o espírito de Ermua, que asentou as bases da mellor política antiterrorista, a que defende que ten que haber vencedores: as vítimas», leu Concepción Martínez, prima política da familia, ante os medios de comunicación. Subliñou tamén a vitoria do Estado na loita contra o terrorismo grazas ao traballo das forzas e corpos de seguridade e á conciencia social.

«Para nós foi moi duro», explicou Teresa Fernández, prima do pai do Miguel Ángel Blanco . Outro dos tíos da vítima, Antonio Blanco , engadiu: «Eu non pensei que fosen facelo, cría que era un farol de ETA, e ao final levaron a cabo o asasinato».

A incredulidade, vinte anos despois de que a banda terrorista secuestrase e matase ao concelleiro do PP en Ermua, segue reinando en Xunqueira e na Merca. Os pais de Miguel Ángel non puideron asistir a estes actos por problemas de saúde.

MIGUEL VILLAR