«Usei o Camiño de Santiago para contarlle ao meu fillo que tiña cancro»

Ruth Nóvoa de Manuel
ruth nóvoa OURENSE

OURENSE

Sandra Alonso

Javier Castro recibiu un transplante de medula hai 7 meses. Onte, tras 18 días de ruta, chegaba a Compostela

19 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Gael, cáeseme moito o pelo. Non se se me chamarán a atención en albérguelos». Iso díxolle Javier Castro ao seu fillo cando hai dous anos empezaron a facer o Camiño de Santiago -o neno en bicicleta, el correndo- despois de que lle detectasen un linfoma de Hodgkin. O rapaz tívoo claro: «Córtacho». E Javier dispuxo da coartada perfecta para, case xogando, falarlle ao seu fillo da enfermidade. Detectáronlla hai dous anos e medio, na parte superior do pescozo. Biopsia, quimio e, posteriormente, rescate: «Chamámoslle rescate ao momento no que recaes do primeiro tratamento. Aí optan ou por máis quimio ou por un transplante de medula». Javier Castro someteuse a esa intervención fai sete meses e o pasado 1 de xuño, de novo, botouse ao Camiño. Desde Francia. «É un reto persoal», aclara. Deixa coa boca aberta e os ollos como pratos aos outros peregrinos cando se decatan da súa enfermidade. A finais deste mes saberá como evolucionou o seu linfoma. Ao preguntarlle como está, divídese: «Unha cousa son os resultados, que aínda non os teño, e outra é como me atopo e ou. Eu atópome forte. O estado anímico é fundamental».

Javier, que desistiu de ler en Internet sobre a súa enfermidade, recoñece que se pasa medo ao recibir o diagnóstico. Pero tamén fala de pena. «É un golpe forte. Para min o foi, sobre todo, porque teño un neno que agora ten 14 anos. Era moi duro cando miraba ao meu fillo». Pero se o transo é duro, máis duro é el: «O que eu pretendo é que a xente vexa que estou enfermo pero que sigo loitando, contra o cancro e contra o que me poña a vida diante», explica.

Como en todo Camiño os outros peregrinos convertéronse en compañeiros. E neste caso un pouco máis. «Houbo unha persoas que se quixo facer unha foto comigo para mandarlla ao seu fillo», di Javier emocionado.

A pesar de que o seu transplante foi con células propias - «Tiven a grandísima sorte de que saíron unha chea e de boa calidade»- lembra que as doazóns son fundamentais.

Non está moi seguro da cara que se lle quedará aos seus médicos cando saiban que leva 18 días facendo o Camiño (e antes, para probarse, a ruta portuguesa). «Se serve para que alguén que está sentado decida levantarse e botar a andar, douno por ben empregado», di Javier, confiado e convencido.