Asunción Cortizo, exalumna dun taller: «É a primeira vez que teño un traballo por un tempo longo»

M. V. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Asunción Cortizo ten 47 anos. Fai dous formouse nun taller de emprego que lle permitiu obter a titulación necesaria para traballar como asistenta social, algo que fai agora, contratada pola mancomunidade do Ribeiro. «Eu estaba en paro cando me colleron para o taller de auxiliar de axuda a domicilio», lembra agora a profesional, que valora moi positivamente a iniciativa. «Danche a formación necesaria para que teñas as competencias, foi unha experiencia moi positiva», afirma. Asunción tiña experiencia anterior neste tipo de tarefas, pero non titulación. «Eu non tiña a titulación pero si coñecía o traballo, porque estivera dous anos como coidadora do meu sogro. A min o que me faltaba era a formación e foi o que ese curso me facilitou», relata.

Rematado o taller chamárona para traballar e leva xa case dous anos e medio, contenta coa súa situación. «O taller abriume portas, eu necesitaba ter un título e foi así como conseguino, veume ben», asegura. Durante o tempo que transcorreu o obradoiro pagáronlle algo máis de 700 euros. «Iamos aprender e tamén fixemos prácticas dun mes, cambiando de casas para poder ter máis experiencia, eu estou contenta». Non oculta que «o salario podía ser algo mellor», pero recoñece que «traballei noutras cousas e era peor, esta é a primeira vez que teño unha estabilidade laboral tan longa». Asunción acode cada día a varias casas para axudar a persoas maiores que necesitan asistencia. «Quero seguir traballando durante moito tempo para cotizar e poder asegurarme unha pensión para o día de mañá», di.