Non pido perdón

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Aqueles días, os membros do PP de Galicia saían pitando en canto se lles achegaban os xornalistas para preguntarlles que lles parecía que un membro do seu partido, o presidente da Deputación de Ourense, acabara de ser denunciado por unha muller por presuntamente ofrecerlle traballo a cambio de sexo. Algúns (os menos) atrevíanse a dicir en voz alta que se trataba dun caso persoal, e cando a oposición interpelou no Parlamento a Feijoo por este tema, provocou tal cabreo entre as bancadas por non contestar ás preguntas que todos os grupos, agás o popular, abandonamos o hemiciclo. Pois ben, nesta ocasión o presidente da Xunta non esperou nin 24 horas para facer unha valoración acerca do sobreseemento provisional e o arquivo das actuacións contra o barón ourensán polos presuntos delitos de acoso sexual, cohecho e tráfico de influencias, asegurando que «quedaba reposto o respeto hacia Baltar», e que os que pedimos durante todos estos meses a súa dimisión «deberíamos agora pedir perdón».

Eu non pido perdón despois de escoitar: «S i queres algo, non a cagues, foder». Ou non era a del a voz daqueles audios? Non podo respectar a quen chegou a pedir o cambio de día da súa declaración coa escusa de que tiña que tiña unha viaxe prevista a Disneylandia. Non me vou a desculpar ante quen constituíu un comité de ética a medida, que lle dimitiu en pleno antes de ditaminar sobre a denuncia de emprego por sexo. Eu non podo respectar a quen non respecta ás ourensás, nin a institución que preside. Non vou pedir perdón a quen o día en que se debatía a súa reprobación, decidiu ausentarse do pleno da Deputación, e que chegou a impedir o aceso ao pazo provincial ás ourensáns e ourensás que lle pedían explicacións.

Para xulgar xa está a Xustiza, pero máis aló do que se decida coa lei na man, están as responsabilidades políticas de quen segue pensando que o pazo provincial é o seu castelo feudal. O que todos e todas puidemos escoitar naqueles audios resulta tan detestable dende a ética política que eu non pido perdón, senón que sigo pedindo a súa dimisión.