«Emociónome coas siglas CC. OO.»

Marta Vázquez Fernández
marta Vázquez OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Ana Barrios sempre tivo a espiral do sindicalismo, que percibe como un servizo aos demais

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ana Barrios chegou a Ourense con apenas vinte anos. A súa vida anterior transcorreu entre varias cidades porque o seu pai era traballador dunha empresa eléctrica. «A miña nai, a miña irmá e eu iamos onde el tivese traballo, pasamos unha infancia bastante movida», lembra agora. Con 14 anos ela decidiu empezar a botar raíces e foise a estudar a Lugo, pero o destino quixo que chegase á cidade das Burgas seises anos despois. Xa nunca se marchou. Encontro traballo como profesora de informática nunha academia pero non llo pensou dúas veces cando soubo que no sindicato Comisións Obreiras había unha praza para un auxiliar de informática. Collérona para o posto. «Eu sempre levara dentro a espiral do sindicalismo, sentía a necesidade de axudar aos demais, de loitar e defender as ideas que consideraba xustas». E claro, tampouco se marchou. Fíxoo un pouquiño o pasado mes de marzo, cando tras oito anos como secretaria provincial decidiu deixar paso a outros e continuar traballando, pero desde a sombra. «Non quixen seguir en ningunha executiva nin en ningún órgano de dirección, boto unha man en todo o que fai falta porque a verdade é que temos poucas mans», recoñece Ana, consciente de que agora as cousas non están doados para ninguén. Tampouco para os sindicatos. «En Ourense perdemos mil cincocentos afiliados desde o comezo da crise. Aquí nunca tivemos unha economía boiante pero a crise acabou de rematar a situación. Estamos nunha situación precaria, non hai emprego e o pouco que se xera é precario, de hostalería ou comercio, con contratos temporais», afirma.

Da súa época como líder de Comisións Obreiras na provincia garda bos recordos, e outros regulares. «queda certa pena, certa frustración, por non ter conseguido máis cousas. Saímos á rúa todos os días, fixemos manifestacións, folgas xerais, concentracións... Saïamos a diario a protestar e con todo non puidemos conseguir o que pretendiamos», asegura Ana, que lamenta «non ter podido axudar máis aos traballadores, esa unha espinita que queda, porque foi unha época de perder dereitos en lugar de conseguir máis, que é o que pretendiamos».

Como muller de acción, rememora con especial emoción as folgas xerais que promoveu na provincia xunto a outros sindicatos. «Eran días moi intensos, iamos polas empresas para mobilizar aos traballadores, e logo aquelas manifestacións que se facían. Aínda me emociona lembrar a toda esa xente na rúa, nunha cidade como Ourense, de poucas mobilizacións pero. Conseguimos moito respaldo e iso é un orgullo para todos», asegura. Cre que agora mesmo sería difícil repetir aquelas cifras de participación. «Estamos nun momento de moita desmovilización. A política do medo que promoveu o goberno calou nos traballadores, hai moitas persoas que creen que se se manifestan poden perder o seu emprego, pero tamén debemos facer autocrítica. Os sindicatos perdemos forza non só pola campaña de desprestixio, senón tamén polos nosos propios erros, algúns graves», recoñece.

Pero ela é optimista, sempre está a sorrir e cre que a renovación que agora mesmo afronta o sindicato permitirá abrir as portas a un futuro mellor. «Imos estar á altura e imos seguir defendendo aos traballadores», garante. Confía en que os mozos, que «parece que están algo perdidos porque non tiveron que loitar polas cousas», teñan comezado a darse conta de que teñen por diante un futuro complicado. «Penso que están a empezar a moverse, creo que hai que darlles un espazo para que acheguen a súa frescura, as súas ideas novas».

Ela, pola súa banda, intenta pór cada día o seu granito de area, botando unha man a quen chegan ás oficinas con algún problema laboral. «Levo a Comisións Obreiras no corazón. Emociónome cando vexo as siglas desde hai moitos anos, vivín costas boas, tamén malas, pero quedo coa ideoloxía e co sentir do sindicato».

Quen é. Profesión. O seu recuncho.

Quen é. Ana Barrios naceu en Ponferrada en 1965. O seu pai era andaluz e a súa nai galega.

Profesión. É técnica superior informática. Entrou no sindicato Comisións Obreiras de Ourense en 1992 e no 2008 foi elixida secretaria provincial. Foi a primeira muller en chegar a ese posto, que deixou o pasado mes de marzo.

O seu recuncho. Escolle o parque de San Lázaro da capital, onde se atopa a casa sindical, á que segue indo a diario. «É a miña segunda casa», recoñece Ana Barrios.

«Tiven algúns enfrontamentos a cara de can con empresarios»

A Ana Barrios tocoulle dirixir un sindicato provincial nos momentos máis duros dos últimos tempos. Chegou á secretaría provincial pouco tempo antes de que estalase a crise e durante o seu mandato viviu varias folgas xerais. Viu como moitas empresas da provincia pechaban as portas ou facían expedientes de regulación de emprego que levaban por diante moitos postos de traballo e, como non, tocoulle vivir momentos complicados. «Vivín algúns momento de tensión, e moita, con algúns empresarios, enfrontamentos a cara de can, aínda que nunca chegamos ás mans, (ri)».

Lembra tamén que nos primeiros tempos á fronte do sindicato notaba certo machismo ao seu redor. «Percibíao na sociedade e tamén entre as empresas, parecía que non gustaba que fose muller; pero eu son dura, cabezota e moi loitadora, e logrei facerme valer aínda que para iso tivese que demostrar dúas veces o que vallo. Iso é algo que non me pasou só a min, senón tamén a moitas outras mulleres», asegura.