O envellecemento eleva os datos de insuficiencia cardíaca en Ourense

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

É a segunda causa de ingreso no Servizo de Cardioloxía do CHUO

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Segundo os datos que manexa a Sociedade Española de Cardioloxía, unha de cada cinco presentas sufrirá insuficiencia cardíaca ao longo da súa vida. A nivel xeral en España padécea o 1,2% da poboación pero, aínda que non é unha consecuencia natural do envellecemento, si que a súa presenza aumenta en poboacións con maior idade media dos seus habitantes. «A prevalencia desta patoloxía é moi alta en xeral no mundo occidental. Galicia, está á cabeza das comunidades autónomas con maior taxa bruta de mortalidade por insuficiencia cardíaca, Este dato é en parte se atribuíble ao maior envellecemento da poboación galega, que segundo os datos do INE do 2010 era do 22 % de maiores de 65 anos fronte ao 17% nacional», explica Elvira Blanco Labrador, a responsable do Servizo de Cardioloxía do CHUO.

Non existen estudos de ámbito local que marquen exactamente cal é esa prevalencia na provincia de Ourense, pero o feito de que sexa a provincia galega máis envellecida fai supor que tamén ocupa postos de cabeza na lista por número de afectados. O que si se sabe é que esta patoloxía «é a segunda causa de ingreso no noso servizo», matiza Blanco Labrador que lembra que constitúe a terceira causa de morte na comunidade galega, ademais de ser un importante problema asistencial.

«A insuficiencia cardíaca crónica poderiamos definila, dunha forma sinxela para que todo o mundo o entenda, como unha situación na que o corazón é incapaz de bombear a cantidade de sangue necesario para abastecer as necesidades do organismo», resume a cardióloga ourensá.

As causas e os síntomas

Pero, como se xera esta enfermidade? Segundo explica Blanco Labrador hai varias causas que poden estar detrás: «Entre a máis frecuentes están a cardiopatía isquémica, a hipertensión arterial, a patoloxía intrínseca do músculo cardíaco, as valvulopatías, etcétera». Dos síntomas que poden pór en alerta, o máis característico é a disnea «entendida como a sensación subxectiva que teñen unha persoa de que non lle chega o aire», sinala a especialista. A fatiga é outro elemento a ter en conta. «A xente comeza a notar que o que facía habitualmente non o pode facer porque se cansa moito», di Blanco que apunta que outros síntomas, como os edemas, poden aparecer máis tarde. A prevalencia da insuficiencia cardíaca non presenta diferenzas entre homes e mulleres e, aínda que segundo lembra Blanco Labrador «sen tratamento, ten un prognóstico peor que moitos cancros», é tratable.

A abordaxe da enfermidade varía e, dependendo do caso, vai desde a administración de fármacos ata a implantación de mecanismos como poden ser os marcapasos é tratable ou mesmo intervencións cirúrxicas, que ademais se combinan co mantemento por parte do afectado dun estilo de vida saudable, evitando as situacións que supoñan unha sobrecarga para o corazón.

«Con tratamento o prognóstico difire en gran medida da causa que a motiva. Por esta razón, resulta tan importante o previr a súa aparición e o seguimento correcto das indicacións e controis», di a responsable de Cardioloxía do CHUO.

Nunha porcentaxe importante dos casos pódese previr

A boa noticia con respecto á insuficiencia cardíaca é que, a pesar dos malos datos en canto a mortalidade, é unha enfermidade que pode evitarse. Pero para iso é esencial a implicación da sociedade. «É moi importante que a poboación en xeral se autoconciencie de que hai que evitar os factores de risco, como o tabaquismo, o sedentarismo ou a dieta inadecuada. Trátase de non desenvolver as patoloxías cuxo estadío final é a insuficiencia cardíaca, fundamentalmente a cardiopatía isquémica e a hipertensión arterial», sinala a cardióloga Elvira Blanco Labrador. Se eses hábitos de vida xeneralízanse unha importante porcentaxe de persoas non a desenvolverían. A realidade é que salvo algunhas afeccións de base ?que son minoritarias?, como a patoloxía intrínseca de miocardio, a maioría das causas que están na orixe desta insuficiencia pódense previr. Controlar o nivel de colesterol, as diabetes, a tensión arterial, levar unha alimentación sa centrada na dieta mediterránea, facer algo de exercicio físico a diario ou non fumar son algunhas das claves. «Falta a prevención para concienciar á poboación de que esta patoloxía se pode evitar se se evitan os factores de risco. Unha vez que xa se desenvolveu a enfermidade, non ten volta atrás», insiste.