A cifra de concursos de acredores cae a niveis anteriores á crise

Marta Vázquez Fernández
marta vázquez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

pradero

No primeiro trimestre catro empresas ourensás pediron mediación xudicial

12 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ano tras ano son menos as empresas que recorren ao xulgado para buscar unha solución aos seus problemas de insolvencia. Así o evidencian os datos relativos aos concursos de acredores, que no primeiro trimestre do 2017 guindan un descenso significativo respecto dos números do ano anterior. Son, de feito, as cifras máis baixas dos últimos exercicios e devolven este fenómeno aos niveis anteriores á crise económica.

Así, entre os meses de xaneiro e marzo foron catro as empresas da provincia de Ourense que solicitaron concurso de acredores, unha cifra que en mesmo período do ano anterior foi de doce, mentres que nos tres primeiros meses do 2015 fora de 19. «Estes números poden atribuírse máis a unha estabilidade na economía que a un crecemento real», asegura Anxo Pascual, presidente da asociación de administradores concursais. Recoñece que se trata dunha redución importante en relación ao ano anterior», aínda que advirte de que se deben valorar os datos con cautela, posto que adoita haber incremento de concursos nos últimos meses do ano. Lembra tamén que durante os tempos de recesión foron moitas as empresas que pediron auxilio xudicial e fíxase así mesmo en que a cifra de concursos de acredores na provincia é a máis baixa de toda a comunidade galega, un dato que ten que ver co seu escaso desenvolvemento industrial.

Comercio e construción seguen sendo os sectores máis castigados

Os números que fan referencia aos concursos de acredores na provincia de Ourense evidencian que, tras a caída de grandes empresas durante os anos máis complicados de recesión, unha circunstancia que supuxo a perda de centenares de postos de traballo, agora cada vez é máis pequeno o tamaño das empresas que acoden ao xulgado ante a imposibilidade de facer fronte ás débedas que manteñen cos seus acredores. De feito, todos os negocios que este ano se viron nesta situación facturan menos dun millón de euros ao ano, de acordo cos datos que esta mesma semana publicou o Instituto Nacional de Estatística. É destacable, ademais, que ningunha delas tiña máis de dez empregados e, nun caso, o negocio non contaba con ningún asalariado.

En canto aos sectores que parecen seguir afrontando problemas económicos atópanse o comercio e a construción, dúas dos alicerces tradicionais da economía ourensá. A estas dúas actividades económicas pertencen, precisamente, os negocios que se declararon insolventes ao longo dos tres primeiros meses do ano.

 Negocios con experiencia

E aínda que poida parecer que ter experiencia no mercado debe ser unha garantía para afrontar momentos complicados, o certo é que tres das catro empresas cuxo futuro se atopa agora en mans do xulgado teñen unha antigüidade superior aos dezasete anos. Unha delas, mesmo, superara os vinte. En Ourense menos do 25 % dos negocios que caen en concurso logra continuar a súa actividade.