Atropelos

Marta Vázquez Fernández
Marta Vázquez MATICES

OURENSE

10 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Previr os atropelos hase convertido nunha prioridade. Os accidentes que se rexistran no centro urbano hanse convertido nunha realidade demasiado habitual que, seguramente, pódese frear se quen deben facelo poñen da súa parte.

Os primeiros, os peóns, que moitas veces parecen, ou parecemos, os menos interesados en pórnos a salvo. Pase o que pase, gústanos demasiado cruzar co semáforo en vermello e nunca perdemos a oportunidade de atravesar unha rúa aínda que non haxa un paso peonil. Nin sequera ter dificultades de mobilidade supón un obstáculo para facer unha manobra perigosa.

Tamén os condutores teñen o seu. Para moitos, incluídos os que levan autobuses, ver un semáforo a piques de cambiar a vermello non é unha chamada a frear, senón a pisar o acelerador, que xa pararán os que veñan detrás.

E, como non, as institucións tamén teñen o seu. No centro urbano da capital das Burgas hai moitos pasos peonís, iso é certo, pero a unha boa parte deles non lles viría mal unha mellor sinalización, para que cruzar por eles non sexa un risco en si mesmo. Está ben levar a cabo unha campaña de sancións cara aos peóns, porque sabemos que moitas veces as malas condutas na vía pública só cambian despois de que un se tivo que rascar o peto, pero tamén habería que pedirlle a quen teñen a responsabilidade, que invistan o necesario para mellorar a sinalización.

Sin duda hai moitos xeitos de conseguir que o centro urbano sexa un lugar máis seguro para quen transitan por el. Está por ver ata onde estamos dispostos a chegar.