O COB roza a sorpresa ante Breogán

Jacobo Rodríguez

OURENSE

Santi M. Amil

Os ourensáns enfrontaranse a Oviedo no play off de ascenso

29 abr 2017 . Actualizado ás 16:40 h.

Derrota con bo sabor para pechar a tempada. O COB plantou cara e tivo contra as cordas por momentos a Breogán, pero acabou sucumbindo polo seu desacerto nos tiros libres e o maior acerto, experiencia e banco do equipo de Natxo Lezcano no último cuarto.

Non era un partido coa presión do resultado para ningún dos dous equipos e demostrouse desde o inicio coa preponderancia dos ataques sobre as defensas. Foi un partido de alternativas, irregularidades e acertos para un e outro e no que nunca houbo un dominador claro ou a sensación de que un equipo levaría a vitoria final.

Por todo iso o espectador gozou. Primeiro coa exhibición de Hittle no triplo ata o descanso, que xunto con Christian Díaz abondáronse para primeiro frear a boa saída de Breogán (4-10) e a continuación a súa maior rotación e achega desde o banco con xogadores como Bropleh. O COB pasou a dominar o partido e o marcador con rendas curtas e a propor un intercambio de golpes no que os triplos eran o seu mellor aliado porque Guerra estaba anulado por Stainbrook e a táctica defensiva de Lezcano. Pero apareceu un ex lucense para axudar en ataque e cortar o primeiro mal momento no partido para o COB (30-37), Devin Wright e ao descanso chegouse con igualdade no marcador (40-40) e a sensación de que as alternativas ían ser constantes aínda que para o COB a súa opción de partido estaba no triplo.

Santi M. Amil

E así foi. A saída tras o descanso puido marcar o resultado final. Breogán saíu durmido en defensa e Kapelan, con dous triplos e Hittle cunha de forma consecutiva desataron a tolemia no Pazo e un parcial de 10-0 que outorgou a máxima diferenza para os de Gonzalo García (56-44). O tempo morto de Lezcano supuxo un paso adiante defensivo breoganista e Stainbrook deu os primeiros sinais de vida en ataque e moitas canastras doados en contraataque voltearon de novo o partido devolvendo o parcial de 0-10 e instaurando a igualdade máxima de novo nun partido por decidir no último cuarto (62-62).

E aí era unha ruleta rusa no que pequenos detalles marcarían. Breogán atopou en Franch a un líder e mellorou recuperou o seu acerto no triplo e ao COB non lle abondou con apelar á súa loita porque todo o acerto no triplo que tivera ata ese momento viuse borrado polo habitual e estrepitoso desacerto no tiro libre, que ao cabo lle conduciu a unha derrota dolorosa porque puido ser vitoria, pero coa que poucos ou ninguén podía soñar polas circunstancias do partido ao principio do partido. Un ex cobista, Huertas co seu acerto no triplo foi o que sentenciou a un COB valente, aguerrido e que competiu de ti a ti durante todo o partido ante un dos favoritos ao ascenso do que lle triplica no orzamento.

Oviedo será o rival

O COB xogará contra Oviedo o primeiro play off de ascenso á ACB. Era a opción máis factible, salvo que o conxunto de Gonzalo García dese a sorpresa derrotando ao rival que era a outra opción que lle tocase en sorte, o Breogán, pero a súa derrota, unida á clara vitoria de Palma ante Castelló, leváronlle á novena posición ao finalizar a liga regular que provoca o seu enfrontamento ante o segundo clasificado, o Oviedo, grazas a entrar entre os cinco primeiros e conseguir ser campeó de Copa. A eliminatoria, ao mellor de cinco encontros, empezará en Oviedo os días 5 e 7 de maio e xogarase no Paco Paz o terceiro partido o día 12 de maio e en caso de haber cuarto o día 14. Un hipotético quinto partido xogarase en Oviedo o martes día 16 de maio.