Facenda somos todos

OPINIÓN

26 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Por fin entendín que Facenda somos todos. Téñoo claro despois do último trámite con eles. Cheguei e planteime diante da máquina que expende os números. «No hay citas disponibles para esta petición». Buscaba información... pero non podía ser. O celador, moi agradable, ao verme chantada, achegóuseme. Quería informarme. Que ilusa! Para iso, teño que solicitar cita previa, pero que esta semana xa nada. Daquela empreguei toda a sapiencia que me quedaba. «Quería entregar o modelo 036». Máis ilusa. Indicoume que hai que facelo na casa, imprimilo e entregalo por rexistro. Quixen preguntar polos epígrafes, os recadros a marcar... pero pareceume excesivo. Debera ter solicitado previamente, por Internet, unha cita cun funcionario, supoño. Había dous detrás do mostrador, só un deles atendía á xente, pero ningún manifestou interese en resolver a miña dúbida. Así que marchei, directa ao ordenador, agradecendo que na casa tivese un, con conexión a Internet e con impresora dispoñible para poder facer o trámite. Pensei en toda esa xente á que lle falta como mínimo un dos elementos... Están obrigados a pagar un xestor que os guíe. Tardei un par de horas en cumprimentar o devandito modelo, consultando dúbidas e visualizando tutoriais en Internet de xente que se apiada dos que non dominamos o idioma xurídico-facendil. Pero conseguín rematar. Xa son medio funcionaria de Facenda! A iso se referiren co de que somos todos.