Queda Portugal

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

12 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A ver se somos capaces de ver a realidade con claridade. Que leva a un empresario a recoller os bártulos e irse alén da fronteira? Rendibilidade, facilidades, negocio e proxecto de futuro. Non fai falta ser un lince para entendelo, incluso os que dividimos con dificultade comprendémolo. A rendibilidade é o principio básico de toda xestión empresarial e cando alguén decide irse a outro soar é que ten moi analizados os beneficios que iso lle vai reportar. 

Nos últimos dez anos, máis de trescentos empresarios galegos botaron números e déronse conta de que alén da raia están mellor. E con eles, fóronsenos case catro mil empregos. Sexa por facilidades, comunicacións, terreos máis accesibles ou polo que sexa; pero o grave é que mentres isto acontece, a este lado do Miño dedicamos o tempo a discutir se as decisións as toman porque existe competencia desleal ou se é que van seguir a dieta do bacalhau á brás. Levamos anos analizando e debatendo pero sen tomar unha soa medida efectiva. E o que é peor, non saímos do queixume, que é o síntoma máis evidente da impotencia.

Resulta tan absurdo botar a culpa a un comportamento pouco solidario dos exiliados como tratar de tapar a ineptitude tras a competencia desleal cando o diagnóstico é claro. Chan barato, ausencia de burocracia, baixos tributos locais e bonificacións fiscais. E outro elemento fundamental: unha aposta de futuro para o país que pasa polo empresariado dinámico e non pola festa do salpicón. Que é polo que apostamos aquí. E así nos vai.