Témolos moi consentidos

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

08 jul 2017 . Actualizado ás 09:25 h.

Nada menos que un terzo das súas señorías que aposentan a diario, ou cando poden, os seus reais no Parlamento, teñen negocios privados mentres exercen a actividade pública. É dicir, que non están só para o que lles eliximos e seguen o exemplo do admirado Rodrigo Rato quen, aínda sendo ministro e a dicir do seu compañeiro de escano Luis Ramallo, dedicaba un día da semana aos seus negocios. Como debe ser.

Mal está que as súas señorías formen parte de despachos de avogados, administren compañas mercantís, asesoren a empresas privadas ou vendan uvas dos seus viñedos, pero o de participar en faladoiros, cursos, conferencias e seminarios parece un chuleo. Porque que nos contan de novo nestas intervencións? Que achegan Pablo Casado, Hernando, Maroto, Madina, Zaida Canteira, Irene Montero, Íñigo Errejón ou Carolina Bescansa nas súas intervencións públicas remuneradas? E que Rufián, Girauta ou Villegas? O de Albert Rivera é máis indefinido, como todo o seu. Cobra por «participar en encontros académicos e políticos», que é moito máis intelectual.

Pois o que achegan é máis propaganda da súa formación. Cobran por contarnos o argumentario do seu partido, sen unha achega a maiores; por ocupar un espazo que debía considerarse de publicidade política. Do que se trata é de facturar porque o salario mínimo interprofesional que lles demos, e que vai dos 3.600 aos 6.000 euros, non dá para moito e, como os seiscientoseuristas, teñen que pluriemplearse. Algún día teremos que reformularnos o consentidos que os temos. Sobre todo para o que nos achegan.