División na Generalitat

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

04 jul 2017 . Actualizado ás 07:26 h.

Debe de ser que desde este lado do mapa estamos tan afastados que custa descubrir os beneficios da Cataluña do futuro, no caso de que Puigdemont logre saírse coa súa. Por máis que un se empeña en buscar aspectos positivos non atopa nin un só que poida levar a demócratas cataláns a apoiar a aventura.

Onte mesmo, o conseller Baiget puxo en dúbida a celebración da consulta, e só unhas horas despois, foi fulminantemente destituído por Puigdemont. Todo un síntoma da división no seo da Generalitat e do propio soberanismo.

Control do Govern, da Xustiza, da Fiscalía, dos Mossos, dos medios de comunicación, das empresas, dos funcionarios... En fin, control absoluto. E non é que Nicolás Maduro se instalase en Barcelona, pero resulta incomprensible que alguén venda un produto tan avariado.

Tranquiliza saber que só o 11,9 % dos cataláns móstranse convencidos de que esta carreira acabará na independencia. E aí hai que incluír a Puigdemont, Llach, Junqueras, sobriños, curmáns e demais familia. É unha porcentaxe lixeiramente inferior ao que considera imprescindible suspender a autonomía a marteladas.

Quen enarboran a bandeira do futuro por libre están a arrasar cos dereitos dos cidadáns. Coas liberdades. Coa convivencia. E esa forma de entender a vida ten un nome que dá tanto medo que nin me atrevo a pronunciar.