Ou lume, para vos pobres

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Dicídeme que é mentira, por favor. Dicídeme que non é certo que unha periodista que arrastra masas e é considerada unha das damas da televisión, dixo o que dixo. Si, que Portugal arde porque é pobre e de esquerdas. 

Porque iso sería inconcibible nun país avanzado coma o noso. Avanzado, libre (liberal?), progresista e en continuo avance. Así que non pode ser. É un insulto, unha demostración de prepotencia a nivel máximo.

Non entendo a relación que fai entre a riqueza dun país e a queima dos seus montes e vidas. Pero menos comprensible me parece que iso sexa unha xustificación. Que está pensando dos pobres? Ou dos que teñen ideais de esquerdas (que nin que fose un delito!). Ou de Portugal... Porque xa non sei.

E ao tempo penso... que considera ela de Galicia? Porque eu creo que o problema que houbo no país luso estivo acrecentado polo mesmo descoido do ámbito natural que vivimos nesta terra. Ollo! Que aquí estamos gobernados pola dereita! Non queira que veña un lume (que ha vir, como cada ano). Daquela... pobres igual somos, pero de esquerdas non. Que vai dicir?

Pobre é o seu pensamento. Acusar a un país de arder por mor da orientación política ou da pobreza.

Querida señora. Serei pobre, pero traballadora. Teño un sentido da solidariedade mellor do que imaxina e unha bondade que non cabe nas súas declaracións. A miña riqueza é outra. A de considerar ás persoas como iguais simplemente por seren persoas.