Galicia e o Banco Pastor

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

miguel souto

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Este luns La Voz contábanos que dous bancos italianos caeran. Pero non como caera o Popular, e con el o noso Pastor, senón ao xeito italiano. E un, que entende pouco de economía, preguntábase como Europa pasara de felicitarse polo seu novo mecanismo de resolución (que consiste en que os accionistas e bonistas carguen con todas as culpas e queden sen un euro) a deixar o mecanismo ao carón e permitir que os Estados actúen como consideren oportuno. É que o do Banco Popular foi unha estafa en toda regra. Como nunca antes se viu outra e, segundo o que pasou en Italia, non se volverá a ver. Europa parece unha gran mentira. E un, que sempre creu na súa magna historia cultural, empeza a descreer dela. A Europa solidaria é a mesma que coa caída do Banco Popular felicitábase pola solución, sen pensar nos 305.000 accionistas nin no noso Banco Pastor ou os seus empregados. Contou, na súa festa de celebración, cos sorrisos dolorosos (¡canto!) do noso ministro de Economía na súa comparecencia parlamentaria: salvouse a cidadanía de pagar, dicía. Obviamente, para o ministro os trescentos mil do Popular non son cidadanía. O son só cando pagan das súas ganancias un 20 %. Cando perden, son nada. Como o noso Banco Pastor, volatilizado da noite para a mañá, con nocturnidade e aleivosía. Galicia protesta. Oxalá a escoiten. Porque nesta Europa e nesta España, mesquiña e corrupta, xa non se escoita a ninguén.