Afganistán, outra vez

Gonzalo Parente FIESTRA Ao MUNDO

OPINIÓN

28 jun 2017 . Actualizado ás 08:20 h.

Para Obama, a guerra de Afganistán, que comezara despois do atentado contra as Torres Xemelgas en setembro do 2001, xa era hora de rematala e retirar as forzas americanas. Pero Trump atopouse cun panorama de desmoralización cando o mando supremo, o xeneral Nicholson, recoñeceu que a guerra que eles lideran hase estancado. Mesmo o xeneral Matis, secretario de Defensa, dixo que están perdendo a guerra contra os talibán. 

Isto é moi grave, despois dos quince anos que levan as tropas norteamericanas combatendo en Afganistán, tempo durante o cal non conseguiron que o Exército afgán se faga cargo da súa propia defensa. Por iso, o presidente Trump ordenou o envío dun novo continxente de soldados americanos, co que se prolongará a guerra de Afganistán en tempo e efectivos.

Así, aquela guerra que se iniciou para acabar con Bin Laden e as súas guerrillas, agora tenos fortemente implicados e non poden abandonar aquelas duras terras onde morreron moitos compatriotas.

Algo ten Afganistán, terra de cultivo das mapoulas, cando os seus habitantes foron capaces de expulsar aos exércitos rusos nos oitenta e agora ponllo moi difícil aos americanos. Por iso estase intentando chegar a un acordo de paz entre eles, o Goberno afgán e os talibán, aínda que as perspectivas de arranxo son difíciles. O que faltaba é que os yihadistas do Estado Islámico expulsados de Siria buscasen refuxio en Afganistán.