Luis aguanta ben

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

Javier Lizón | Efe

27 jun 2017 . Actualizado ás 08:15 h.

Aguantou ben Luis. Tal e como llo pediu o presidente Rajoy, Luis Bárcenas soportou sen inmutarse os envites da oposición, que tampouco foron tantos, exceptuando un par de frases afortunadas.

 Puidemos aforrarnos a comparecencia do extesorero porque coñeciamos que non respondería; pero, sobre todo, porque tampouco era necesario que o fixese porque xa nos sabemos ao pé da letra o que aconteceu en Xénova 13 durante a súa estancia como gardián dos diñeiros. Sabémolo porque el nolo contou desde as páxinas dos xornais, en declaracións xudiciais, nas pescudas de xuíces, fiscais e investigadores, e nos escritos de defensa. Sabemos o dos sobresoldos, o financiamento do partido, as trituradoras; que os mandamases estaban ao corrente de todo; que romperon a marteladas os discos informáticos; coñecemos, porque el nolo dixo, a todos os que participaron no chanchullos.

Por iso a comisión de investigación do financiamento irregular, habitual ou o que sexa, do PP, comezou como se agardaba. Bárcenas sábellas todas e nestes momentos non lle convén botar máis leña ao lume, non vaia a ser que se recrúe como o de Doñana e haxa que pedir reforzos. Tratábase de aguantar e aguantou; como un gran profesional do enredo e a perversión. E tivo o detalle de non contarnos que por Xénova corrían sóbrelos e que as súas anotacións contables son reais. Non o contou porque xa o sabemos. Sábeno ata en Kiribati. Que queda lejísimos.