O almorzo

Tamara Montero
Tamara Montero CATRO VERDADES

OPINIÓN

26 jun 2017 . Actualizado ás 08:33 h.

Se unha cadea de televisión ten que levar a un debuxante porque o goberno non permite cámaras, é un ataque contra a liberdade de prensa. Impedir a varios medios de comunicación a entrada a unha rolda de prensa é un ataque contra a liberdade de prensa. Impedir a un xornalista facer unha pregunta porque saben que vai ser incómoda é un ataque á liberdade de prensa. Ridiculizar a un redactor a través das redes sociais é un ataque á liberdade de prensa. Que un responsable político só se comunique cos medios a través de reunións off the record é, como non, un ataque á liberdade de prensa. E repetir unha e outra vez que os que non escriben o que a un lle gusta son noticias falsas, porque si, porque o digo eu, porque son Donald Trump, obviamente, é un ataque, un especialmente grave, contra a liberdade de prensa.

Pero é que sinalar a un redactor nun acto público para dubidar do seu deontología profesional como non podía ser doutro xeito, é un ataque á liberdade de prensa. Contestar a unha redactora que o seu abrigo (de pel) é moi bonito para restar credibilidade á súa pregunta é, non hai dúbida, un ataque á liberdade de prensa. Desprestixiar a un xornalista a través das redes sociais porque desgusta o que escribiu é un ataque. Á liberdade de prensa. E convocar un encontro saltándose a propósito a redactores de medios que incomodan é, síntoo moito, almorzarse a liberdade de prensa.