A obsesión

Fernando Ónega
fernando Ónega DESDE A CORTE

OPINIÓN

21 jun 2017 . Actualizado ás 07:47 h.

Se Alfred Hitchcock vivise e fixese unha película sobre a política española, xa tería protagonista e título. O protagonista sería Carles Puigdemont e o título, Obsesión. Non tería que rodar case nada: atoparía abundante material nos arquivos, nos discursos do molt honorable president. Se despois de facelo sabe agardar algún tempo, o mesmo actor principal daríalle o desenlace. E é que o señor Puigdemont é un caso clínico de obsesión enfermiza. Tan enfermiza, que non hai acto público no que non faga unha referencia ao procés en que se meteu. Se está nunha exhibición de castellers , aproveitará para comparar ese prodixio humano coa construción do novo Estado catalán. Se vai ao fútbol, é para soñar cun equipo que arrincona ao equipo adversario, que é o estatal español, ata derrotalo por goleada. Se está nunha exposición de coches, compara os avances en velocidade coa rapidez con que se constrúe a independencia. Iso é obsesión.

 Pero o non vai máis se produciu este luns cando, noutro acto público, fixo unha insólita comparación entre o proceso que lidera e a vitoria da sociedade sobre o terrorismo de ETA. Celebrouse unha homenaxe ás vítimas do atentado de Hipercor, no 30.º aniversario daquela matanza. E nótase que, mentres vía como se lembraba aquel triste día, mentres coñecía os emocionantes testemuños que garda a memoria, presentóuselle a obsesión: «Dio agora, Carles, dio xa». E non se parou en barras. Non tivo presentes os sentimentos de ninguén. Xurdiu Puigdemont O Teimoso. O seu antecesor Jordi Pujol poderá ser o que sexa, pero polo menos sabía distinguir os tempos e dicir: «Agora non toca». O luns non tocaba, pero Puigdemont tiña a palabra, había cámaras e tivo a insolencia de mesturar terrorismo e aspiración nacional.

Todo isto non tería máis importancia que a anécdota dunha insolencia, se non fose por algún detalle. Se un presidente traballa obsesionado por unha idea, boa ou mala, acaba pondo ao seu Goberno e ao seu país ao servizo desa obsesión. Non lle falen de cuestións económicas, nin de necesidades sociais, nin sequera de sentimentos, porque el está aí para dar saída á súa obsesión. Se ese presidente considera que o seu paso á historia non depende do seu éxito, nin do mérito de gañar unhas eleccións, non é o caso de Puigdemont, porque as ten perdidas e necesita un acontecemento superior que salve a súa cara e a súa dignidade. E se un presidente concibiu un referendo como método para cumprir coa súa obsesión, abandonade toda esperanza: chegará a ese referendo aínda que sexa en padiola e xamais renunciará a convocalo e celebralo aínda que sexa esposado pola Garda Civil.