O Estado abdicou

Carlos Agulló Leal
Carlos Agulló O CHAFLÁN

OPINIÓN

09 jun 2017 . Actualizado ás 08:35 h.

Non está tendo moita sorte nesta a súa segunda (ou terceira) vida política o ministro Montoro. Talvez porque tampouco puxo moito da súa parte, con ese peculiar estilo que lle imprime ás súas intervencións e, sobre todo, ás súas decisións. O que, nunha típica pirueta eufemística, bautizou no 2012 como regularización de activos e que todo o mundo entendeu que era unha amnistía fiscal de libro acaba de ser tombada polo Tribunal Constitucional.

A abstinencia fiscal non é cousa só de futbolistas e dirixentes deportivos. Ao perdón de Cristóbal Montoro -xunto a outros 30.000 españois, segundo os cálculos do Goberno,- acolléronse personaxes de relumbrón, como o tesoureiro Luis Bárcenas, algúns membros do clan Pujol, Francisco Granados , imputado no caso Púnica, ou o mesmísimo Rodrigo Rato , exministro do milagre económico e dos cartóns black. Pero poden estar tranquilos porque, en aras da seguridade xurídica, di o Constitucional que o feito, feito está. Non hai marcha atrás.

A resolución do tribunal que ten encomendada a interpretación da Carta Magna supón un revés serio para a política fiscal de Rajoy e o seu ministro Montoro. Porque, ademais de dicirlle que utiliza un procedemento incorrecto para aprobar a medida (un decreto lei), esta representa a «abdicación do Estado» na súa obrigación de facer efectivo aquilo de que Facenda somos todos e cada un en función dos seus ingresos. E desmonta o argumento, certamente cínico, de que a amnistía é un instrumento para loitar contra a fraude fiscal. Nin sequera a recadación obtida (uns 1.200 millóns) xustifica os medios. Imos, que Montoro esta vez tampouco deu unha.