Vémolo moi negro

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

07 jun 2017 . Actualizado ás 08:17 h.

Se os nosos mandarines fixésenlle caso aos resultados dos barómetros do CIS cambiarían radicalmente a súa forma de proceder. Pero o problema é que o CIS non son as urnas e eles sitúan todos os seus obxectivos nas consultas electorais, mostrando un escaso respecto polo resto das nosas opinións. E a maioría dos cidadáns deste país, chegado ese momento, parecen sufrir un golpe de amnesia. A foto que nos deixa o CIS é demoledora. A corrupción aumenta 12 puntos porcentuais nun só mes; a preocupación polo paro vaise ao 71 %; a clase política é o noso terceiro problema; o 94 % creen que a situación económica é moi mala, mala ou regular e o 0,2 %, é dicir ninguén, pensan que a situación política é moi boa.

As nosas preocupacións crecen respecto de todos os problemas que nos aburan. E iso a pesar de que xa sabemos que se está creando emprego como nunca, combatendo a corrupción como nunca e mellorando a economía como nunca. Imos, xa que logo, mellor que nunca, segundo dinnos, pero as nosas opinións, que deberían de ser o que importa porque somos os que padecemos os problemas afastados dos eslóganes electorais, din que estamos nun mal momento. E que o futuro non nos abre novas esperanzas porque a porcentaxe dos que creen que a situación política dentro dun ano será peor que hoxe sobe catro puntos.

Vémolo todo moi negro. A realidade non nos agrada e a maioría somos pesimistas. Pero xa dicía Saramago que «os únicos interesados en cambiar o mundo son os pesimistas, porque os optimistas están encantados co que hai».