O recital da morte

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

24 may 2017 . Actualizado ás 08:10 h.

Se xa nos resulta difícil de dixerir calquera acción terrorista que se salde coa desfeita de vidas humanas, a do Manchester Area vainos resultar imposible de asumir e vai quedar na memoria como unha das barbaries máis incomprensibles da nosa historia recente. Se xa non hai motivo algún que poida xustificar a morte de inocentes adultos, moito menos a de nenos, adolescentes e mozos que gozaban dun concerto musical que acabou converténdose no recital da morte. 

O yihadismo pretende pórnos de xeonllos. Aterrorizarnos. E nese aloucado labor avanza deixándonos en cada unha das súas sanguentas accións novos mensaxes. Do baño de sangue de Mánchester dedúcense dous novos avisos. O primeiro é que todo vale; tamén os nenos e os adolescentes. Toda vida humana é susceptible de ser utilizada para o seu fin.

Pero ademais a data en que se comete a tolemia terrorista non é unha casualidade. A dúas semanas dunha consulta electoral, o que buscan os asasinos é influír no resultado e xa sabemos que non resulta especialmente complicado cambiar a intención de voto de moitos cidadáns ante sucesos como o de Mánchester.

E que fan os nosos mandarines por rematar co terror? Pois dicirnos que hai que ser fortes e non renderse, á vez que se van a Riad, como acaba de facer Trump, a pechar a maior operación de venda de armas a un dos países que, segundo todos os servizos secretos, apoian e financian aos que converteron o concerto musical de Ariana Grande no recital da morte.