Estupor

Carlos Agulló Leal
Carlos Agulló O CHAFLÁN

OPINIÓN

12 may 2017 . Actualizado ás 09:03 h.

Hai feitos que encaixan nunha palabra mellor que calquera definición. Estupor. Difícil reaccionar ante un feito tan drástico e doloroso como a morte dun fillo a mans do seu pai. E máis cando se ten o convencemento de que non era o fillo o obxecto do seu odio e da súa saña, senón un medio para ferir no máis profundo á nai do neno, exparella do asasino, que unha vez localizado confesa e conduce aos policías ata o lugar no que consumou o abominable crime.

Pero do estupor hai que pasar á reflexión. E da reflexión colectiva á acción política para protexernos da violencia machista. Un vidrioso debate ábrese sobre as restricións no réxime de visitas aos pais condenados por violencia de xénero. Non sempre van parellas, máis ben case nunca: só ao cinco por cento dos condenados prohíbeselles ver aos seus fillos. Os xuíces necesitan argumentos e instrumentos para poder condenar, tanto como sensibilidade e apego á sociedade á que defenden. E por iso, nestes días tan propicios para lexislar en quente, hai quen lembra que talvez sería suficiente con que o espírito da lei calase na política, na xudicatura e na sociedade.

A lei orgánica, no seu título preliminar, contempla aos fillos como vítimas da violencia de xénero e di que deben ser tidos en conta como tales á hora de establecer as medidas de protección, erradicación e castigo. Se a prohibición de ver aos seus fillos é unha pena que doe a un pai maltratador, quizais sexa unha condena proporcionada e xusta. Non só para evitar os escasísimos e extremos casos de parricidio, senón para afastar aos nenos de condutas que non queremos que eles reproduzan.