Os novos frikis

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Falando coa rapazada dos centros estas semanas, o termo friki saíu reiteradamente, esta vez aos que nos daba por escribir (supoño que máis acentuado se o idioma elixido para a escrita é o galego).

Ben, pois acabo de topar cun artigo de Manuel Gago neste mesmo medio que recoñece que, desde inicios do século XX, sempre hai un par de frikis en cada curso que falan galego.

Pasou un século e... seguimos sendo os frikis. Pois xa vou cansa do termo. Para comezar, porque define ás persoas con afeccións, comportamentos e vestimenta pouco habituais. E falar na lingua nai non debera ser un feito excepcional.

Por outra banda, non diría eu que se nos distinga polo vestiario... Pero, o que máis me molesta é que teñamos que seguir sendo os novos frikis. Aínda que sexamos os de sempre. Os dous frikis dos que falaba Gago son os dous de sempre.

Friki? Frikis as Kardashian, que xa non saben que facer para aparecer a diario en pantalla. Ou esa nova moda de poñer o vestido de cerimonia por riba duns pantalóns vaqueiros, ou... que sei eu. Papar sete quilos de empanada nunha competición, a risco de rebentar. Usar lentes sen precisar aumento. Ou os pantalón rachados con plástico, como se foses envolto nun bocadillo.

Por que non lles chamamos a eles frikis?