Demasiada euforia

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

09 may 2017 . Actualizado ás 09:05 h.

Agora que xa brindamos pola vitoria de Macron en Francia conviría que arrefriásemos a nosa euforia e analizásemos con maior realismo e frialdade os resultados que os franceses nos deixan nas urnas. Porque está moi ben iso de que varremos ao fascismo e salvamos Europa e demais zarandajas, pero a realidade é ben distinta.

A consulta do domingo déixanos cifras estarrecedoras. Aí ao noso lado, hai once millóns de cidadáns que apoian o racismo e a xenofobia. Son a metade dos que apoiaron a Macron, certo, pero o dobre dos que fai só quince anos apoiaron a papá Le Pen. O crecemento foi tan espectacular que haberá que estar precavidos para as lexislativas de xuño e para as próximas presidenciais; porque o perigo segue aí.

Pero é que ademais Europa non está a salvo. A vitoria de Marine deulle un machadazo ao proxecto, ou o que sexa, europeo, pero estamos onde estabamos. Que é na indecisión, a división, e a ausencia total de proxecto. E repleta de personaxes escépticos cando non antieuropeístas. A Europa que agoniza desde hai tempo non se salvou o domingo; segue estando, como estaba o sábado, no mesmo perigo de fracasar. Así pois, deixemos a euforia para mellor ocasión.

O que fixeron os franceses foi rexeitar, de momento, o fascismo e o populismo barato. Que non é pouco. Pero non por iso volvámonos tolos de entusiasmo.