Tranvías que arrasan

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

08 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Neste mundo no que as cantantes sofren acoso dos seus bailaríns cando están gravando un vídeo clip para o seu último tema... as mulleres debemos andar con todas as alarmas acendidas. E todas, por certo, aparecen con luz vermella. Alarmas que intentan agochar baixo o termo brincadeira. Agresión sexual, igual a broma. Non! Mentira. 

Sentimos acoso en particular e xeral. Regresar a casa de noite é unha tortura. Apertamos os dentes por medo e xenreira de sentirnos intimidadas de maneira gratuíta só polo feito de ser muller. Se camiñamos, agarramos as chaves na man deixándoas saír entre os cotelos, por se fose preciso usalas como arma de defensa. En que mundo vivimos cando se estenden estas prácticas? Agóchase a luz e descóbrense os medos, aínda que o terror tamén axexa a plena luz. No traballo, na casa, na rúa, no bar, no supermercado...

Que facer cando nos sentimos observadas? Baixar a mirada? Retar ao outro? Despistar? Que? Díganmo, porque unha xa non sabe cal é o comportamento axeitado.

Quen sabe, igual ese mozo só miraba a liña oval que define a nosa cara, ensimesmado na súa simetría. Quizais chamoulle a atención a música que apenas sae dos auriculares cos que pretendemos illarnos do mundo. Quizais non quería asustarnos. Mais nós debemos facelo sempre, porque é a única defensa que temos.

No tranvía, no banco da praza no que sentamos a ler, na mesa do fondo do bar... en calquera lugar somos presas excesivamente fáciles. E todos e cada un deses tranvías arrásannos a tranquilidade.